Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alfonso Rueda toma posesión como sexto presidente da Xunta

Alfonso Rueda toma posesión como sexto presidente da Xunta

A TVG retransmite o acto en directo, que comeza ás 12:00 horas no Parlamento

Está previsto que este domingo desvele a composición do seu Goberno

G24.gal 14/05/2022 08:39 Última actualización 14/05/2022 12:54

O Parlamento de Galicia, con sede no Pazo do Hórreo, alberga este sábado a toma de posesión como presidente da Xunta de Alfonso Rueda Valenzuela (Pontevedra, 1968). Sucede a Alberto Núñez Feijóo despois de presentar este a súa renuncia tras facerse coas rendas do PP estatal.  

Superados os trámites previos, a elección parlamentaria, a comunicación ao rei Felipe VI e a publicación do nomeamento nos boletíns oficiais de Galicia e de España, Rueda toma posesión do seu cargo nun acto que comeza ás 12:00 horas.

Entre o medio milleiro de convidados están o líder do PP, presidente saínte da Xunta, e a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, ademais de numerosas personalidades políticas e civís.  

Rueda pronunciará o único discurso institucional dun acto que terá como escenario principal o Salón dos Reis da cámara galega, despois de tomar posesión, un paso para o que poderá optar polas fórmulas de xurar ou prometer. O seu antecesor adoitaba prometer, pero el como conselleiro sempre elixiu o xuramento.  

Previamente, o xefe do lexislativo autonómico, Miguel Santalices, procederá á lectura do decreto de investidura.

Debido ao elevado volume de asistentes, fontes parlamentarias confirmaron que se habilitaron outros espazos do Pazo do Hórreo, como a sala de exposicións ou os corredores próximos, desde onde se poderá seguir a través de pantallas de televisión.  

Retransmisión en directo

A TVG retransmite o acto en directo, que tamén se poderá seguir en streaming a través da web do Parlamento de Galicia.

Antes de asumir o cargo como sexto presidente da historia da autonomía -o primeiro na comunidade que accede ao cargo despois da renuncia do seu antecesor-, Rueda tivo este venres un plan familiar, segundo fontes da súa contorna.  

En concreto, participou no acto de graduación do instituto da súa filla menor. Este sábado, a súa familia arrouparao no acto do Parlamento de Galicia.  

Entre tanto, Feijóo vai dando os distintos pasos para a súa marcha definitiva a Madrid. Aínda queda renunciar á súa acta de deputado, do mesmo xeito que o seu responsable de Organización, Miguel Tellado, pero farano, previsiblemente, coincidindo co pleno que aprobe a súa elección como senadores por designación autonómica.

"Continuidade da boa"

Rueda prometeu "continuidade da boa" na xestión, co reto de "ampliar e mellorar" o legado de Feijóo, tampouco se expón unha gran ruptura no que será o seu primeiro Goberno.  

Ademais de contar co vicepresidente económico, Francisco Conde, xa avanzou un novo nome no Consello da Xunta: o do presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo.  

A súa previsión é desvelar toda a súa composición e os axustes nas áreas este domingo 15, de forma que os conselleiros poidan tomar posesión e celebrar unha primeira reunión xa o luns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar