Alerta laranxa na costa galega e amarela no interior polo temporal
Rexistráronse ondas por riba dos sete metros e refachos superiores aos 120 km/h
A alerta laranxa activouse ás nove da mañá e afecta a toda a costa galega. O peor está na provincia da Coruña, onde o vento sopra de oeste ou suroeste con forza oito e deixa ondas de ata 7 metros.
Non achegarse á primeira liña de costa, evitando diques, espigóns e paseos marítimos é o máis recomendable para evitar riscos.
No interior, o nivel da alerta é amarelo por ventos que sopran con especial intensidade na Mariña e na montaña de Lugo. O refacho máis forte, 123 quilómetros por hora, mediuse no concello de Muras.
En Viveiro e A Pontenova a forza do vento superou os 120 quilómetros por hora e en Cedeira e Carballeda de Valdeorras os 110.
A borrasca atlántica está deixando tamén chuvascos intermitentes que nalgúns momentos son especialmente fortes. As precipitacións máis importantes rexistráronse no concello coruñés de Lousame, con 34 litros por metro cadrado, e preto de alí, en Rois, recolléronse 30.
Na provincia de Pontevedra a cantidade de chuvia máis importante correspondeu ao concello de Poio, con 20 litros por metro cadrado.
O xoves outra nova fronte atlántica cruzará Galicia.