Pilar Alegría deixa o Goberno para ser candidata á presidencia de Aragón
A ministra ofreceu a súa última conferencia de prensa como portavoz do Goberno tras a reunión do Consello de Ministros
A ministra de Educación e portavoz do Goberno, Pilar Alegría, pechou este martes a súa etapa como membro do Executivo para dedicarse ao seu labor como candidata socialista á presidencia de Aragón.
"Hoxe pecho catro anos e medio como ministra do Goberno de España. Que enorme privilexio e que enorme orgullo poder contribuír á mellora da educación, a formación profesional e o deporte do meu país", escribía Alegría nas redes sociais esta mañá.
Alegría, que ofreceu posteriormente a súa última conferencia de prensa como portavoz do Goberno tras a reunión do Consello de Ministros, onde manifestou que durante o tempo no que estivo no Executivo sentiuse "unha privilexiada", expresión que repetiu en varias ocasións para referirse tanto á súa responsabilidade tanto como ministra de Educación como voceira do Goberno.
"Vostedes foron para min a miña pequena e querida tortura, non llelo vou negar", chanceaba sobre as súas comparecencias ante os medios cada martes durante os pasados dous anos.
Pilar Alegría agradeceu aos xornalistas o respecto co que a trataron neste tempo, pediu desculpas polos erros que poida cometer e xustificou os silencios ou a falta de resposta a algunhas preguntas pola responsabilidade do posto.
"Eu veño dunha aldea de 400 habitantes, imaxinen o que significa para min chegar a un ministerio como o de Educación", dixo Alegría na súa despedida.
"Saben que o 8 de febreiro vai haber eleccións en Aragón, e cando Aragón chama non perdo nin un minuto". "Síntome especialmente emocionada porque volvo á miña casa", concluíu.
O nome da persoa que a vai substituír á fronte do ministerio e da portavocía do Goberno aínda non se coñecen. Si se sabe que será unha muller quen se encargue de ser voceira do Executivo.
Así o avanzou este luns Pedro Sánchez nunha conversación informal con xornalistas durante a recepción que ofreceu aos representantes dos medios de comunicación polo Nadal.
Con todo, non concretou ningún nome nin o momento en que fará efectivo ese nomeamento.