Alba, de nena de acollida a nai acolledora dun grupo de irmáns
Preto de 70 menores, segundo os datos oficiais, agardan que unha familia de acollida lles dea a oportunidade de vida fóra dun centro
Alba e Manuel son unha parella do concello coruñés de Ames que responderon á chamada de Cruz Vermella e hoxe o seu fogar é acubillo para dous irmáns
A asociación Acougo é o apoio das familias acolledoras
Alba foi unha nena en acollida e agora é nai acolledora. Hai dous anos, cando a súa filla aínda era un bebé, abríalles a porta do fogar a dous irmáns, de 7 e 4 anos.
"Primeiro chegou a nosa nena biolóxica e ao ano e dous meses chegaron os nenos que temos agora", conta Alba.
"Foi unha chamada de Cruz Vermella, que nos dixo que un grupo de irmáns necesitaba unha familia".
"Pasamos dun a tres, somos familia numerosa dun día a outro", explica Manuel.
A súa é unha historia de agradecemento á vida. Desde a súa casa en Ames reivindican que outras persoas sigan os seus pasos e contribúan a cambiar o destino de nenos e adolescentes que agardan nos centros de menores.
"Están mellor cunha familia... Nos centros están ben, vale, pero non é a mesma calor, nin o mesmo cariño".
"O que máis sanda neles son pequenos plans, un bico antes de durmir, un plan de peli dos venres, que lles encanta, é o que máis sanda as súas feridas".
O Programa de Familias Acolledoras da Xunta, xestionado por Cruz Vermella, está a piques de facer trinta anos. Hai 241 nenos acollidos.
"O ideal sería que ningún neno ou nena tivese que pasar por un recurso de residencia, aínda que hai nenos que o necesitan. Os centros de menores non poden desaparecer, pero si que o ideal sería que tivésemos un banco de familias moi, moi extenso, que non tivésemos case 70 nenos nestes momentos agardando por unha familia". "Neste momento temos preto de setenta nenos agardando por unha familia, unha persoa que poidan abrir a porta da súa casa a nenos que normalmente están en centros residindo", di Marta Pintos, traballadora social de Cruz Vermella.
Baixo a asociación Acougo, familias e crianzas forman unha tribo de axuda mutua. Reclaman un cambio no modelo de protección de menores.
"Son persoas de pleno dereito e teñen o dereito a medrar en familia e a coñecer as súas orixes".
"Unha crianza que nace en Guadalaxara non ten os mesmos dereitos que o que nace en Asturias, por exemplo. Eses estándares de calidade deberan unificarse", afirma Carmen Dourado, directora da asociación Acougo.
Neste momento hai 174 familias acolledoras en Galicia.