Aínda non se confirma nin descarta nada sobre a orixe do foco de peste porcina de Barcelona
A Generalitat encarga auditar os cinco laboratorios que traballan co virus na zona
A infeccion limítase de momento aos xabaríns silvestres, con trece positivos
A raíz do informe do laboratorio de referencia da Unión Europea en Madrid que apunta a que o virus de peste porcina detectado en Barcelona pode vir dunha cepa que se emprega en estudos experimentais de vacinas, a Generalitat encargou auditar de forma preventiva os cinco laboratorios que traballan con estes microorganismos na zona onde se detectou o foco, por se saiu dalgún deles.
"O informe dinos que non podemos descartar ningunha hipótese e por tanto, pola nosa parte, activamos xa esta revisión de instalacións e de protocolos. Non podemos confirmar nada, non podemos descartar nada", puntualizou o presidente da Generalitat.
De momento, confirmáronse trece casos de peste, todos en xabaríns silvestres e dentro da zona cero, na serra de Barcelona.
As granxas de cochos que hai no perímetro de vixilancia establecido, de 20 quilómetros, mantéñense libres da infección e a partir da semana que vén poderán empezar a sacrificar os animais para consumo interno, como demandaban.
"As 55 granxas que están nesta zona de risco, cun número aproximado de 80.000 animais, poden poñerse a disposición do consumo humano. Seguindo os protocolos, poderán comercializarse no mercado español con total seguridade e isto vaise ir facendo de forma progresiva", subliñou Salvador Illa.
Un milleiro de policías e persoal de emerxencias están despregados para impedir que a poboación acceda ás zonas naturais acotadas, que inclúen cinco parques naturais e afectan actualmente 91 concellos.
Ao tempo decenas de efectivos peitean os montes para limitar os movementos dos xabaríns e retirar os cadáveres dos infectados. Facer batidas no lugar nestes momentos non está recomendado.
"A recomendación da Unión Europea é molestar estes animais o mínimo posible para que non escapen de aquí", explica Jaume Torralba, xefe dos Axentes Rurais na área de Barcelona.
Da evolución do foco dependen, só na provincia de Barcelona, 11.000 postos de traballo, repartidos en granxas e matadoiros.