Publicador de contidos

Publicador de contidos

O paro no transporte arrinca sen forza en Galicia

O paro no transporte arrinca sen forza en Galicia

Escaso seguimento nas primeiras horas da folga de transportistas na comunidade

A gran patronal do sector do transporte non ve motivos para facer folga

A plataforma participará nunha mobilización que chegará ao Ministerio de Transportes

G24.gal 14/11/2022 09:40 Última actualización 14/11/2022 15:18

O sector do transporte por estrada iniciou un paro indefinido convocado pola Plataforma Nacional en Defensa do Transporte, un paro que lle podería custar á economía 600 millóns de euros ao día.

Pasadas as primeiras horas da folga convocada pola Plataforma Nacional en Defensa do Sector do Transporte, o seguimento prevíase minoritario en Galicia. 

E en principio así foi: Non houbo piquetes nos recintos portuarios nin dificultades para circular, unha situación moi diferente a do mes de marzo cando os portos foron localizacións estratéxicas.

Na Coruña, Vigo, Marín, Burela ou Celeiro a policía Nacional custodia os accesos ao portos  É o único diferente nunha xornada na que actividade portuaria desenvolvese con normalidade.

Un dispositivo especial reforza o control das estradas e aos principais recintos loxísticos.

Para o goberno galego non é o momento de facer a folga, pero pídelle ao executivo central que solucione os problemas dos transportistas.

As empresas comercializadoras respiran aliviadas nesta primeira xornada na que as súas mercadorías chegaron sen problema aos centros de distribución e superficies comerciais. 

Segundo o Ministerio do Interior a xornada estase a desenvolver sen percances e con normalidade nos centros loxísticos. Polo momento comunicáronse incidencias illadas cun incendio de pneumáticos en Alxeciras, de catro cabezas tractoras en Cantabria e picadas de rodas en Toledo.

O acceso en todos os grandes centros loxísticos e nas infraestruturas de hidrocarburos desenvolvese con normalidade.

Protesta en Madrid

Mentres tanto, centros de transportistas marchan por Madrid para reclamar melloras para o sector, reclamando que se faga cumprir a lei que prohibe o traballo por debaixo de custos, así como outras cuestións sobre a condicións laborais agravadas polo encarecemento dos carburantes.

Transportistas da plataforma, formada principalmente por autónomos e pemes, concentráronse esta noite nas inmediacións do Wanda Metropolitano. En marzo este fora tamén o punto de partida dunhas protestas que duraron 20 días e afectaron á cadea de distribución.

Desta volta non se suman as patronais nin as principais asociacións do sector, pero a plataforma sostén que hai motivos para a folga. "Non queremos axudas, senón cobrar o que hai que cobrar, un prezo digno", di un dos manifestantes.

Outra explica: "Estamos moito peor que en marzo, estamos traballando aos mesmos prezos co gasoil máis caro. Isto é insostible".

Uns 3.000 transportistas manifestáronse polo centro de Madrid, dende a rolda de Atocha ata o Ministerio de Transportes, para reclamar que se cumpra a lei que prohibe traballar por debaixo de custos. 

"Unha lei na que temos moitas esperanzas e a día de hoxe nos sentimos enganados", asegura Manuel Hernández, presidente da plataforma.

A Plataforma Nacional en Defensa do Transporte maniféstanse en Madrid (EFE/Javier Lizón)

Os convocantes do paro din que non se están a cumprir os acordos acadados despois da folga de marzo, unha situación agravada pola suba de prezos. Reclaman que se cumpra a Lei de Custos aprobada no verán, que prohibe traballar a perdas. Pero o Goberno di que non hai ningunha denuncia de que non se cumprira a lei.

Estímase que ese paro, a uns días de comezar o Black Friday, podería custarlle 600 millóns de euros ao día á economía española.

"Estamos a punto de facer estoupar a campaña do Black Friday e da campaña do Nadal que tan importantes son para calquera país, pero polas mesmas datas outras organizacións convocaron un paro, pero a elas ninguén as cuestionou", dixo José Luis Galán, portavoz da Plataforma Nacional en Defensa do Sector do Transporte.

A ministra de Transportes insiste en que non hai motivos para a folga e pide que se permita traballar aos que non se sumen ao paro.

"Respecto absoluto ao dereito á manifestación, pero témonos que centrar en garantir esas condicións. Como xa se vía a semana pasada o seguimento está sendo minoritario, pero estaremos moi atentos", di Raquel Sánchez.

50.000 efectivos das forzas de seguridade vixían os principais nós loxísticos e centros de distribución, onde este primeiro día de paro apenas se sentiu.

Só se rexistrou algún incidente con piquetes en MercaJerez, e sabotaxes de pneumáticos en Alxeciras e Toledo. A Asociación do Transporte por Estrada asegura que a normalidade foi absoluta nos mercados grosistas, así como nos portos e pasos fronteirizos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade