Moito tráfico e lento no primeiro día de operación Nadal
Tráfico interno nas entradas e saídas das cidades neste primeiro día
Desde hoxe e ata o 9 de xaneiro intensifícanse os radares e os controis de alcoholemia
Moitos coches e moito tráfico este xoves ao serán para entrar en Vigo. Tráfico lento, retencións por momentos e moita paciencia.
Tráfico intenso tamén en Alfonso Molina, a principal entrada á cidade da Coruña. Cúmprense as previsións da DXT para este primeiro día da operación Nadal de Tráfico. Desde hoxe e ata o 9 de xaneiro agárdanse só en Galicia case 2 millóns de desprazamentos. Por iso, haberá máis radares e máis controis de alcoholemia.
Na DXT insisten en que cómpre evitar as horas máis desfavorables para viaxar, planificar os traxectos pola ruta máis segura e por suposto respectar os límites de velocidade. Recomendan tamén, sobre todo ante condicións meteorolóxicas adversas, consultar o estado das estradas nas páxinas da DXT ou chamando ao 011.
Estaremos nesta primeira fase da operación Nadal ata o próximo día 26. A segunda, a de Ano Novo desenvolverase do 31 de decembro ao 2 de xaneiro e a última e terceira, a de Reis, do 5 ao 9 de xaneiro.