Publicador de contidos

Publicador de contidos

Adolfo Domínguez eleva as súas perdas ata os 10,8 millóns malia o incremento das vendas nun 50 %

Adolfo Domínguez eleva as súas perdas ata os 10,8 millóns malia o incremento das vendas nun 50 %

O grupo téxtil galego alude a gastos extraordinarios derivados do axuste de persoal

Fíxose co 100 % da súa filial portuguesa, segundo mercado europeo da empresa

As vendas en liña medraron máis dun 33 por cento nos últimos dous anos

G24.gal 01/12/2021 13:36

A firma de moda Adolfo Domínguez perdeu 10,8 millóns de euros, un 3,1 por cento máis no seu primeiro semestre fiscal, entre marzo e agosto, aínda que as vendas no período creceron un 50 por cento ata 39,1 millóns de euros, informou a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

En canto aos gastos, 27,2 millóns de euros, incrementáronse debido ao axuste de persoal realizado en maio de 2021 e ás medidas de contención postas en marcha durante o inicio da pandemia.

A facturación da firma recuperou o 74,4 por cento das vendas con respecto ao mesmo período de 2020, e o resultado operativo ou ebitda, excluídos os gastos extraordinarios, alcanza os 300.000 euros, cun incremento do 3,5 % das vendas en liña.

Nos dous últimos anos, as vendas dixitais medraron un 33,6 por cento.

Proxección internacional

A empresa fíxose co control do 100 por cento da súa filial portuguesa, o seu segundo mercado en Europa, e incrementa a súa presenza comercial con novos establecementos en Ourense (España), México DF (México), Osaka (Xapón) e Santiago de Chile (Chile).

Polo que respecta á súa estratexia en Portugal, adquiriu a totalidade da súa filial naquel país ao seu socio minoritario, que posuía o 45 por cento do capital; o país luso é o segundo mercado europeo da firma desde a apertura da súa primeira tenda en 1994 e conta na actualidade con 13 tendas.

No global do grupo (347 tendas en 17 países), as vendas comparables crecen no semestre nun 67 por cento con respecto ao mesmo período do ano anterior.

O consello de administración creou unha nova comisión asesora en materia de estratexia dixital presidida pola presidenta executiva e conselleira delegada, Adriana Domínguez.

Ademais de Domínguez, integran a comisión as conselleiras Diana Morato e Valeria Domínguez. Morato incorpórase ademais á comisión de auditoría, e o conselleiro independente José Luis Sáinz incorpórase á de nomeamentos e retribucións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade