Investigan as causas do incendio que calcinou varias naves industriais en Mos
Activouse o Plan Territorial de Emerxencias para mobilizar efectivos de toda a provincia
As lapas calcinaron catro naves e provocaron danos importantes noutras dúas
Evacuaron unha vivenda próxima por precaución pero non se rexistraron danos persoais
O lume industrial declarado esta madrugada no polígono do Rebullón, no concello de Mos, deixa un balance provisional de catro naves calcinadas e outras dúas afectadas. A virulencia das lapas obrigou a Xunta a activar o nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA).
Para controlar o lume, mobilizáronse unidades de toda a provincia e do norte de Portugal. No operativo participaron bombeiros do Baixo Miño, O Morrazo, O Salnés, Valença e Vilanova da Cerveira. Tamén efectivos do Ges do Val Miñor e de Mos, ademais de equipos da propia Axencia Galega de Seguridade (AXEGA).
Os traballos de extinción prolongáronse durante toda a mañá e concentráronse na parte exterior das naves, xa que no interior había perigo de derrubamento.
A alcaldesa de Mos lamentou as perdas económicas e os prexuízos laborais que poida conlevar o suceso. Nidia Arévalo ofreceulle ás empresas afectadas axuda municipal para a axilización dos trámites.
Por razóns de seguridades, evacuouse unha vivenda próxima pero non houbo persoas afectadas. O lume orixinouse nunha das naves e propagouse con rapidez. Agora, a Garda Civil investiga as causas.
Noite longa
O inferno desatábase no polígono do Rebullón, no concello de Mos e preto de Vigo, pasados uns minutos das catro da madrugada. Catro naves industriais cheas de embalaxes, produtos téxtiles e lindeiras cun deposito de combustible estaban ardendo.
O vento e o material do interior das naves espallaba o incendio rapidamente e obrigaba a intervir medios de extinción de toda a provincia de Pontevedra.

A falla de puntos de auga no polígono dificultaba o traballo dos bombeiros, que tiveron que recorrer a dúas cisternas especiais da Axencia Galega de Emerxencias, mais co paso das horas, os equipos conseguían evitar que o lume se espallara ao resto do polígono.
Malia o traballo dos equipos de extinción, varios empresarios viron como as súas instalacións quedaban reducidas a cascallos. En total hai seis naves afectadas, cadro delas moi prexudicadas.
