A Xunta pídelle ao Goberno recuperar frecuencias de tren suprimidas na pandemia
A Xunta pídelle ao Goberno recuperar frecuencias de tren suprimidas na pandemia
Denuncian un 12 % menos de servizos ferroviarios, coa eliminación de 31 conexións diarias
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pídelle ao Goberno que recupere as frecuencias de tren eliminadas en Galicia. Segundo datos do Goberno autonómico, actualmente hai un 12 % menos de servizos ferroviarios que antes da pandemia.
A oferta diaria de servizos de tren entre Vigo e Ourense reduciuse nun 75 %, un 67 % entre Monforte e Ponferrada e un 60 % entre A Coruña e Lugo. Son exemplos que figuran nun informe elaborado pola Xunta, que denuncia que dende a pandemia se eliminaron 31 conexións diarias e 202 semanais en Galicia.
"Á Xunta non lle queda máis que demandar a quen ten a capacidade de suprimilas, que volva recuperar esas frecuencias. Non ten ningún sentido fomentar o uso do transporte ferroviario e despois suprimir frecuencias que existían", argumentou o presidente.
Alfonso Rueda defende que a Xunta está respondendo a esta supresión de frecuencias cun aumento do 5 % de autobuses para atender a demanda dos usuarios do transporte público.