Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta invita os alcaldes do rural a apostar polo transporte público

A Xunta invita os alcaldes do rural a apostar polo transporte público

Este sábado asinou un convenio para que Tordoia dispoña dun bus a Ordes

G24.gal 09/09/2023 14:31 Última actualización 09/09/2023 15:12

Tordoia tiña unha liña regular de autobús con Santiago e outra con Carballo. Agora vai dispoñer tamén dun servizo con Ordes, a capital da comarca. O concello porá 18.000 euros e o resto, a Xunta.

"Era moi importante principalmente para os nenos que van ao instituto, que non tiñan unha forma de desprazarse, ademais de supoñerlles un custo, o que non deixaba de ser unha inxustiza cando todos os menores de 21 anos viaxan nas cidades co transporte público gratuíto", afirma o alcalde de Tordoia.

Un total de 74 rapaces do concello xa teñen a tarxeta Xente Nova, que lles permitirá facer a viaxe de balde. Ademais, o autobús adecuarase aos horarios do instituto.

"Supón un cambio bastante grande porque é máis cómodo o horario. Antes tiña que erguerme máis cedo porque a compañía que nos levaba tiña outras rutas", explica unha rapaza.

"Iamos cunha empresa privada, pagabamos 100 euros ao mes e o horario era moi pouco flexible", engade outra mociña.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade invita outros alcaldes do rural a apostar tamén polo transporte público.

"Para avanzar nese transporte público útil que aposte polo rural e que lles facilite ás familias os aforros do día a día", puntualiza Ethel Vázquez.

A consellería iniciou precisamente esta semana unha campaña para fomentar o uso do transporte público da Xunta e estender entre a mocidade o uso da tarxeta Xente Nova, que lles ofrece 60 viaxes gratis ao mes aos menores de 21 anos.

A Administración espera chegar aos seis millóns de desprazamentos de balde neste 2023.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar