A Xunta dedica máis de 5 millóns de euros á renovación do firme na autovía AG-53
Este venres iniciouse a reparación do firme da autovía entre a ligazón de Cea e a conexión coa A-52
A Xunta de Galicia inviste máis de 5 millóns de euros na renovación do firme da autovía AG-53, no tramo comprendido entre a ligazón de Cea e a súa conexión coa autoestrada das Rías Baixas, a A-52.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou na mañá deste venres o inicio destes traballos, que tamén incluirán a renovación do firme na ligazón de Piñor.
A intervención efectuarase ao longo de 13 quilómetros e executarase en dúas fases: unha primeira que xa está en marcha e céntrase en reparacións estruturais do firme, e outra que consistirá na disposición dunha nova capa de rodadura.
Estas obras completan o acondicionamento do firme nesta infraestrutura, tras as executadas en 2020 entre Dozón e San Cristovo de Cea.
O trazado afecta a sete termos municipais: Amoeiro, Maside, Ourense, Piñor, Punxín, San Cristovo de Cea e Toén.
A responsable de Infraestruturas da Xunta detallou a particularidade de que dentro do tramo sinalado atópase o viaduto sobre o río Barbantiño, que será obxecto dun proxecto de reparación específico, que incluirá, entre outras intervencións, a impermeabilización do seu taboleiro.
Allegue destacou que a Xunta está a acondicionar este verán a capa de rodadura en 35 estradas como a AC-110, AC-564 e AC-566 en Ferrolterra; en varios tramos da AC-303 en Ribeira ou na AC-550, en Outes, e avanzou que se comezará en breve a mellorar o firme en dúas estradas autonómicas da provincia de Lugo, en Monterroso, Taboada e Palas de Rei.
Destacou o investimento da Xunta no acondicionamento de firmes en 2024, cun total licitado de máis de 28 millóns de euros, e remarcou a aposta pola seguridade viaria, incrementando este ano un 8 % o investimento destinado a conservar as estradas autonómicas. O orzamento total destinado a este fin ascende a 53 millóns de euros.
A conselleira indicou que "tan estratéxica é a construción de novas estradas como o mantemento das existentes", polo que insistiu na necesidade dun plan de conservación tamén para as vías do Estado en Galicia, "debido a que moitas requiren dunha actuación urxente", afirmou.