A Xunta cre que o novo currículo da ESO devalúa a ensinanza
O conselleiro de Educación critica o "sesgo político" das medidas e cre que haberá dificultades para aplicar a tempo a reforma para o próximo curso
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, cargou este mércores con dureza contra o Goberno central tras a aprobación no día de onte do novo currículo obrigatorio para Educación Secundaria, co que discrepou no "fondo" e na "forma".
Rodríguez cre que este currículo supón "un paso máis" cara a un modelo educativo devaluado e contrario á "igualdade de oportunidades" ao modificar os criterios para a repetición de curso, eliminar as notas numéricas ou cambiar a estrutura de certas materias.
"A medio prazo vai ser moi negativo para o conxunto da sociedade", prognosticou o conselleiro, que ademais fixo fincapé en que se trata dun "decreto que chega tremendamente tarde" e que xerará "moitos problemas organizativos a principios de curso" pola escasa marxe que deixa para o traballo e tramitación por parte das autonomías.
"Desde a perspectiva da forma é un auténtico despropósito", insistiu Rodríguez, que considerou que "non vai haber posibilidade real de comezar o curso cos decretos aprobados" a tempo, debido a que, ademais, os textos aprobados, "difiren moi notablemente dos borradores iniciais" cos que estaban a traballar.
Na súa opinión, "dá a sensación de que o Estado fai o seu traballo tarde, mal e a rastro e trasládalle esta responsabilidade ás Comunidades autónomas", que agora afrontarán "unha gran complexidade organizativa" e terán tamén que emendar os erros do Ministerio.