Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta convoca axudas para que os mozos saquen o carné de conducir

A Xunta convoca axudas para que os mozos saquen o carné de conducir

Dirixidas á mocidade de entre 18 e 30 anos que non estea a traballar e que poderá recibir entre 400 e 1.300 euros

Poderase solicitar desde este mércores e ata o 30 de setembro ou ata esgotarse o crédito

Poden pedilas tamén os que sacaran o carné no 2023

G24.gal 23/01/2024 16:42

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asistiu este martes en Ourense á demostración dunha práctica de circulación en que puxo en valor a nova convocatoria de axudas para facilitar a obtención do carné de conducir á mocidade galega.

O presidente da Xunta expuxo que ter o carné de conducir "é xa un requisito indispensable en moitos traballos" e "un modo mellorar as oportunidades laborais dos mozos", pero tamén recoñeceu que supón un esforzo económico para eles ou as súas familias, por iso defendeu a importancia destas axudas por parte do goberno.

Así pois, precisou que van dirixidas á mocidade de entre 18 e 30 anos que non estea a traballar e que poderá recibir entre 400 e 1.300 euros para sufragar parte do custo que supón a consecución dos carnés, tanto de coche como camión ou autobús.

O obxectivo, segundo apuntou, é que isto facilite atopar un emprego ou que supoña directamente unha saída laboral "ante a altísima demanda de condutores profesionais".

A estas axudas destinaranse 800.000 euros. 

As axudas enmárcanse no obxectivo da Xunta de consolidar a comunidade como un dos mellores sitios para vivir e traballar, "o que implica promover medidas para facilitar que a mocidade acceda a un posto laboral estable e de calidade".

O xefe do Executivo galego estivo acompañado do presidente da Federación de Autoescolas Galegas, Alberto Bugallo, que destacou estas axudas como "un impulso importante" para obter os carnés de conducir. Ademais reiterou que se trata dunha "ferramenta moi importante" para "a mobilidade" e tamén para "acceder ao mercado laboral".

Esta convocatoria de axudas publícase este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) e poderase solicitar desde mañá e ata o 30 de setembro ou ata esgotarse o crédito. Poderán solicitala tamén os mozos que sacasen o carné no 2023, xa que o ano pasado non se convocou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos