Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta busca "evitar que os lumes se fagan grandes" coa lei integral contra incendios

A Xunta busca "evitar que os lumes se fagan grandes" coa lei integral contra incendios

O director xeral de Defensa do Monte defende a incorporación na norma de figuras que melloren a prevención e a extinción 

 

G24.gal 22/04/2023 10:25 Última actualización 22/04/2023 11:47

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, defende na Radio Galega a necesidade da nova lei de loita integral contra os incendios forestais promovida pola Xunta para adaptar a prevención dos lumes e a extinción á realidade do territorio.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Rodríguez explica que con ese obxectivo, o anteproxecto aprobado o xoves pasado no Consello da Xunta incorpora novas figuras. Entre elas, as paisaxes mosaico.

Segundo destacou, é necesario que o territorio estea "compartimentado", con "descontinuidades" para "evitar que os lumes se fagan grandes". 

"Evitar que os lumes se fagan grandes. Iso, nun territorio que cambiou moito nos últimos vinte e tantos anos, no que a superficie forestal se incrementou. A superficie arborada incrementouse de xeito moi notable, necesitamos que o territorio estea teselado, compartimentado, con descontinuidades -para que se me entenda-. Iso require dunha planificación máis a longo prazo e unha planificación que nos permita intervir nesas partes do territorio a través de distintas figuras como as áreas estratéxicas de xestión". 

Plan de prevención 2023

Respecto ao Plan de prevención de incendios deste ano, o director xeral de Defensa do Monte destaca que este ano prevé a execución subsidiaria da limpeza de 2.790 hectáreas próximas ás casas en virtude dos cambios introducidos na Lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta de 2023.

"Esas modificacións da Lei de acompañamento permítennos actuar en parcelas e con propietarios que xa outros anos foron notificados e non se fixo a xestión, xa desta primavera e non ter que esperar ao 30 de maio para poder actuar", detallou. 

Así mesmo, fai fincapé no plan de "queimas prescritas" para reducir biomasa en lugares estratéxicos.

"Faise en determinadas épocas do ano para que non haxa afección no chan e que dalgún xeito rápido se poida xerar unha descontinuidade nunha masa de combustible (forestal)", explicou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar