A Xunta aproba un proxecto de interese autonómico para construír case 4.400 vivendas na Coruña
O Consello da Xunta tamén aprobou destinar 2 millóns de euros en axudas para a compra de vivenda protexida ou inmobles en centros históricos
O Consello da Xunta aprobou este luns declarar proxecto de interese autonómico (PIA) para habilitar solo no que construír case 4.400 vivendas na zona de Monte Mero, na Coruña.
Segundo explicou o presidente da Xunta, o 80 % das vivenda que se van construir terán algún tipo de protección, e serán algo máis de 400.000 metros cadrados situados entre a avenida de Alfonso Molina, a cidade das TIC, a avenida da pasaxe e o barrio de Xuxán.
Amais, na xuntanza do consello do Goberno galego deste luns tamén se acordou destinar 2 millóns para os cidadáns que merquen unha vivenda protexida ou un inmoble nun centro histórico.
As achegas para as persoas que opten por adquirir unha vivenda protexida para usala como residencia habitual poderán ser de ata 20.000 euros no caso das sete cidades galegas e de ata 16.000 no resto dos municipios.
E tamén en materia de vivenda acordouse licitar a construción de 73 vivendas de promoción pública no barrio de San Paio de Navia, en Vigo, por un total de 15,7 millóns.