Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta agarda que CoRural permita potenciar a transformación do leite desde Galicia

A Xunta agarda que CoRural permita potenciar a transformación do leite desde Galicia

O Goberno galego desexa éxito á unión de Clun e Leite Celta para fortalecer o sector e dar estabilidade a produtores

Alfonso Rueda e María José Gómez reuníronse con representantes de Clun e Leite Celta
G24.gal 11/12/2025 21:40

O presidente da Xunta e a conselleira do Medio Rural coñeceron da man dos represenantes de Clun e Celta as liñas mestras de CoRural, o novo grupo lácteo galego. A Xunta agarda que a unión sexa unha oportunidade para avanzar na transformación do leite dende Galicia. 

O Goberno galego agarda que tamén se achegue "estabilidade e seguridade" aos produtores.

Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tras unha reunión mantida con representantes destas empresas, un encontro que estivo presente o xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda.

En declaracións aos medios, a titular de Medio Rural asegurou que todas as propostas que impliquen o fortalecemento do sector lácteo galego "serán benvidas" e espera que este caso sexa "unha alianza de éxito" que supoña crecemento para o sector primario e para Galicia.

María José Gómez manifestou, así mesmo, a necesidade de que esta unión sexa garante de "estabilidade e seguridade" para os produtores, tanto para os xa adheridos como para todos aqueles que poidan sumarse nesta nova etapa.

Unha potencia nacional e internacional

A conselleira lembrou que a comunidade é unha potencia no sector lácteo nos ámbitos nacional e internacional. "Galicia produce o 42% do leite de toda España, situándose no noveno posto en produción dentro da Unión Europea, e na comunidade concéntranse máis do 50% dos gandeiros do país", indicou.

Ademais, transfórmase xa en Galicia case o 75% do leite que se produce, unha porcentaxe marcada como obxectivo dentro da Estratexia de dinamización do sector.

Na súa intervención, a responsable autonómica de Medio Rural sostivo que alianzas como estas son unha boa mostra de que o medio rural galego está "cheo de oportunidades" e trasladou ás persoas mozas que queiran dedicarse ao campo que "terán o apoio do Goberno galego.

"Falar en positivo do rural e do sector primario sempre é unha boa noticia e é a mensaxe que debemos trasladar ás novas xeracións", dixo.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade