Profesionais de emerxencias e do 061 verán ampliada a súa protección ante agresións
Baixo o paraugas da Lei de saúde de Galicia, o Consello da Xunta acorda novas sancións e tamén inclúe a violencia dixital que poidan exercer "pacientes e familiares" sobre traballadores da saúde
O Consello da Xunta acordou este martes reformar a Lei de saúde de Galicia para ampliar a protección dos profesionais sanitarios fronte a violencia e as agresións de "pacientes e familiares".
Segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "Galicia será a primeira comunidade" que regule e contemple "sancións por agredir a técnicos de emerxencias ou do 061".
Ademais a reforma tamén contempla novas formas de exercer a violencia sobre os profesionais da saúde, como é a violencia dixital. Alfonso Rueda asegurou que haberá "tolerancia cero" ás condutas violentas cos sanitarios.
A lei reforzará a protección de todo o persoal dos centros sanitarios con multas de entre 300 euros para casos leves ata os 15.000 nos máis graves. Entre as novidades destaca a posibilidade de traslado de doentes agresores ou profesionais agredidos ou a prohibición de gravar consultas sen permiso.
Tras o Consello de la Xunta, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicou que se ampliará o rango de infraccións e sancións para tipificar agresións leves, como a falta de respecto e o insulto, que conlevarán multas de entre 300 e 1.500 euros; e graves, como resistencia, ameazas, ciberacoso, con multas de entre 1.501 e 3.000 euros.
As moi graves serán as agresións físicas ou a reincidencia na comisión de infraccións graves nos últimos 5 anos, con multas que poderán chegar aos 15.000 euros. Ademais, as persoas que cometan calquera tipo de agresión poderán ser obrigadas a reparar os danos e os prexuízos materiais.
Durante o ano 2024, un total 856 profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicaron algún tipo de violencia, e a maioría das agresións foron verbais ou xestuais, máis de 500, aínda que tamén se produciron 340 accións que comportaron violencia física.
Este proxecto de lei será remitido ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación e entrada en vigor en 2026.