Rodríguez responde a Díaz: "Unha nova normativa sempre derroga a anterior"
Continúa o debate dentro do Goberno sobre a "derrogación" da reforma laboral
Segue o debate entre os partidos do Goberno á conta da derrogación da reforma laboral. A voceira do executivo respondeulle hoxe á ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que esta semana afirmou que tecnicamente é imposible.
"Unha nova normativa sempre derroga a anterior, e non se pode derrogar se non hai unha alternativa, porque se xeraría unha inseguridade inaceptable no marco xurídico", puntualiza Isabel Rodríguez.
Esa futura normativa estase negociando na mesa de diálogo social con sindicatos e patronal, que rexeitan entrar no debate de termos. Tamén lle resta importancia a profesora de Economía Aplicada USC, María Cadaval, para quen "máis alá das discusións semánticas, ten que haber unha adaptación da normativa laboral".
Nunha entrevista na TVG, a experta defendeu o concepto de "flexiseguridade: flexibilidade laboral, si, pero con seguridade para os traballadores".
Este venres tamén escoitamos a opinión do vicepresidente do Banco Central Europeo, Luis de Guindos. Defende a reforma laboral que aprobou o Goberno de Mariano Rajoy sendo el ministro de Economía.
"A evolución do emprego en España está sendo boa co marco laboral que temos nestes momentos, que é basicamente o da reforma de 2012", aseguraba nunha entrevista en que tamén recoñecía que "todo se pode mellorar".
A futura reforma laboral ten que aprobarse antes de final de ano, tal e como se comprometeu o Goberno con Bruxelas.