A vacina da farmacéutica catalá Hipra busca voluntarios en Galicia
Dous hospitais galegos buscan voluntarios vacinados con AstraZeneca para someterse ao ensaio clínico de Hipra
A vacina da farmacéutica catalá está pendente de ser autorizada por Europa
Os hospitais Modelo da Coruña e o Rosaleda de Santiago buscan voluntarios dispostos a someterse aos ensaios clínicos para probar a vacina de Hipra. Os requisitos: persoas maiores de 18 anos vacinadas con AstraZeneca.
O xefe de Medicina Interna do Hospital HM Modelo da Coruña, Ignacio Ramil, explica que "as persoas teñen que ter só dúas pautas de AstraZeneca e estar pendentes da terceira dose. E tamén que non pasasen a covid-19 documentada ben por proba PCR ou ben por proba de antíxenos no último mes".
En total recrutaranse unhas 250 persoas entre un total de cinco hospitais de España. A quen participe realizaráselle un seguimento de seis meses para avaliar a seguridade e a resposta inmunolóxica á vacina de Hipra.
"Propóñenselles tres visitas e nesas visitas fanse análises e controis para ver que todo está en orde e para garantir a seguridade de todo o proceso", matiza Ignacio Ramil.
Actualmente a farmacéutica catalá desenvolve un ensaio en fase 3 como dose de reforzo coa súa vacina de proteína recombinante. Ensaio en que xa están a participar máis de 2.500 persoas.
Para o doutor Ignacio Ramil unha das vantaxes da vacina de Hipra é que "facilita a súa propia conservación.
Tan só cunha neveira normal abondaría para mantela e isto de cara á loxística e o seu transporte a outros países, sobre todo países que aínda non teñen ningunha vacina posta, é moi interesante".
A vacina de Hipra está pendente de aprobación por Europa o que podería producirse, se se cumpren as previsións da farmacéutica, cara ao inicio do verán.