Publicador de contidos
Publicador de contidos

A vacina contra a COVID-19 de AstraZeneca deixará de comercializarse en Europa

A vacina contra a COVID-19 de AstraZeneca deixará de comercializarse en Europa

A Comisión Europea retira a autorización de venda do medicamento a pedimento da propia empresa, que considera que hai unha falta de demanda

Vacina de AstraZeneca contra a COVID-19
G24.gal 06/05/2024 19:18 Última actualización 06/05/2024 19:47

A compañía AstraZeneca deixará de comercializar a partir do martes a súa vacina contra a COVID-19, Vaxzevria, na Unión Europea por petición propia, segundo informou a compañía británico-sueca nun comunicado.

A Comisión Europea notificou o pasado 27 de marzo que, a pedimento da propia empresa, retira a autorización de comercialización do medicamento a partir do martes. AstraZeneca xustifica a retirada na falta de demanda e polo excedente de vacinas dispoñibles no mercado nestes momentos.

“Dado que se desenvolveron múltiples vacinas actualizadas para variantes de COVID-19, agora hai un excedente de vacinas dispoñibles. Isto provocou unha diminución na demanda de Vaxzervria, que xa non se fabrica nin fornece”, sinálase na nota.

O laboratorio, que fixo a petición de retirada o pasado 5 de marzo ante Bruxelas, felicítase polo papel desempeñado por Vaxzevria para acabar coa pandemia. Nesta liña sinala que, “segundo estimacións independentes, só no primeiro ano de uso, salváronse máis de 6,5 millóns de vidas e fornecéronse máis de 3.000 millóns de doses en todo o mundo”.

Vaxzevria, a vacina de AstraZeneca contra a COVID-19, foi a terceira en chegar a España, o 6 de febreiro de 2021. Foi a terceira vacina en recibir o visto e prace por parte da Axencia Europea de Medicamentos reguladores europeos, despois das elaboradas por Pfizer/BioTech e Moderna.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade