Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UE dá maior liberdade aos gobernos para establecer os tipos do IVE

A UE dá maior liberdade aos gobernos para establecer os tipos do IVE

O tipo reducido poderá aplicarse en bens que protexan a saúde pública, como as máscaras; que sexan útiles para protexer o medio ambiente ou que contribúan a facilitar a transición dixital 

G24.gal 07/12/2021 13:38

Os ministros de Economía e Finanzas da Unión Europea lograron este martes un acordo para flexibilizar as regras comúns sobre o IVE de modo que se dea máis liberdade aos gobernos para fixar os tipos, incluído o reducido.  

Así, actualizarán a lista de bens e servizos aos que os países poden aplicar tipos reducidos de IVE por exemplo material necesario para protexer a saúde pública, como as máscaras; que sexan útiles para protexer o medio ambiente ou que contribúan a facilitar a transición dixital.  

A revisión da norma permitirá tamén ás capitais asignar un tipo nulo de IVE a algúns dos artigos da lista que se consideren como necesidades básicas, ademais de abrir a porta a todos os socios a aplicar exencións ou tipos reducidos que agora se aplican por razóns históricas nalgún dos Estados membro.  

Outra das novidades apunta a acabar cos tipos reducidos e exencións que actualmente se apliquen sobre bens ou servizos considerados prexudiciais para o medio ambiente ou para alcanzar os obxectivos da UE en materia de cambio climático. Esta supresión farase de maneira gradual ata 2030.  

Para que a norma entre en vigor, os Vinte e sete deben esperar aínda un ditame do Parlamento europeo, aínda que se trata dun proceso consultivo porque a posición da  Eurocámara neste asunto non é vinculante.

"Os estados membros dispoñerán de máis flexibilidade á hora de que os seus sistemas de IVE reflictan as opcións políticas nacionais, garantindo ao mesmo tempo a coherencia coas prioridades europeas comúns: as transicións ecolóxica e dixital e, por suposto, a protección da saúde pública", dixo o comisario de Economía, Paolo Gentiloni, para celebrar o acordo que chega tres anos despois da proposta inicial de Bruxelas.

En España, rebaixouse o IVE das máscaras cirúrxicas ao 4%, pero foi unha medida tempora, e que só está aprobada ata o 31 de decembro.  Esa rebaixa foi polémica, porque o Goberno argumentou nun principio que a Unión Europea non o permitía. Agora falta ver qué acordará co novo marco de rebaixa que permite Bruxelas.  A voceira do Goberno di que aínda hai marxe para tocar o IVE dalgúns produtos se así o estima Facenda.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade