Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UE acepta a Croacia na zona Schengen, pero non a Romanía e Bulgaria

A UE acepta a Croacia na zona Schengen, pero non a Romanía e Bulgaria

Romanía critica con dureza o voto austríaco

G24.gal 08/12/2022 15:55 Última actualización 08/12/2022 16:19

Os ministros de Interior da Unión Europea deron este xoves luz verde á ampliación da zona Schengen a Croacia a partir do próximo 1 de xaneiro, mentres que Bulgaria e Romanía terán que seguir esperando.

"A área Schengen está a crecer por primeira vez en máis dunha década grazas á presidencia da República Checa do Consello da Unión Europea. Os ministros aprobaron a membresía de Croacia a partir do 1 de xaneiro de 2023!", informou a presidencia checa.

Austria e Holanda vetaron a entrada de Bulgaria e Romanía argumentando que aumentaría a inmigración.

"Neste ano temos en Austria máis de 100.000 ilegais que traspasaron a nosa fronteira dos cales 75.000 non están rexistrados. Este é un indicio de que o sistema non funciona neste punto", dixo o ministro austríaco, Martin Kocher, á súa chegada ao consello.

Este argumento foi duramente contestado por outros países, porque consideran que Romanía e Bulgaria cumpriron de sobra cos requirimentos para formar parte do espazo de libre circulación de persoas e mercadorías da UE.

"Desde o meu punto de vista Bulgaria e Romanía están preparados para ser membros de Schengen e agradezo a estes dous países o seu traballo que fixeron no último ano. Estou convencido de que o seu momento chegará pronto", dixo o ministro do Interior da República Checa.

"Quero dicir a todos os cidadáns de Croacia: benvidos!. Pero tamén aos cidadáns de Bulgaria e Romanía: merecen ser membros totais de Schengen, merecen ter acceso á liberdade de movemento da área Schengen!", dixo a política sueca e comisaria do Interior Ylva Johansson.

Dirixentes e políticos romaneses de todos os partidos criticaron con dureza o veto.

“Unha decisión miserable!”, escribiu na súa conta de Facebook o viceprimeiro ministro romanés Kelemen Hunor, que cualificou a postura austríaca de “incorrecta, inmoral, carente de argumentos sólidos” e froito “dun xogo político miserable”.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade