A sexta vaga segue avanzando en España coa maior cifra de contaxios desde xullo
A incidencia aumenta 31 puntos en 24 horas
Cataluña supera o millón de casos desde o comezo da pandemia
.png)
O Ministerio de Sanidade rexistrou este martes, con datos achegados polas comunidades autónomas, 26.136 novos casos de coronavirus, dos que 14.339 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 6.879 rexistrados o luns, o que eleva a 5.366.128 a cifra total de persoas contaxiadas de Covid-19 desde o inicio da pandemia.
Respecto da incidencia media actual de contaxios en España nos últimos 14 días, o informe mostra que segue aumentando, situándose nos 412,26 casos por cada 100.000 habitantes, en comparación cos 381,26 notificado o luns polo departamento dirixido por Carolina Darias.
En canto aos falecidos por Covid-19, notificáronse 58 este martes e 180 rexistráronse na última semana. Isto fai que a cifra global de decesos por coronavirus en España se eleve ás 88.542 persoas.
Actualmente hai 6.373 pacientes ingresados por Covid-19 en toda España e 1.215 nunha UCI e nas últimas 24 horas producíronse 815 ingresos e 758 altas. A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 5,11 por cento e nas UCI no 13,1 por cento.