A seca obriga a restrinxir o uso da auga potable en varios concellos
En Lalín non se pode usar a subministración da traída para encher piscinas ou regar
En Baiona, as duchas e lavapés dos areais quedan sen auga desde mañá
A seca que se rexistra obriga a tomar medidas para previr a escaseza de auga. Varios concellos están xa adoptando restricións, un deles o de Lalín.
Aquí, por exemplo, xa non se poden desde hoxe encher con auga da traída piscinas privadas nin regar as hortas. O concelleiro de Obras e Servizos, Xosé Cuñarro, explica que os servizos municipais "deixan o 90 por cento dos xardíns públicos sen regar e a maioría das fontes do municipio están sen auga".
Medidas como estas estanas adoptando moitos concellos tanto do interior como da costa, onde as praias xa non teñen auga nas duchas nin nos lavapés. Os concellos chaman á concienciación cidadá para reducir o consumo de auga.
As dúas estacións de bombeo que abastecen o municipio están ao 70 por cento, así que o baldeo das rúas limitarase a un día semanal e, no ámbito particular, restrinxirase o uso da auga da traída. Non poderán encherse as piscinas particulares nin regar as hortas con ela.
Outros concellos tamén están tomando medidas similares. Así, en municipios costeiros como Baiona pechan desde mañá as duchas e os lavapés dos areais para tentar aforrar auga.
A situación máis preocupante está na provincia de Ourense, onde as precipitacións rexistradas este ano están un 40 por cento por debaixo da media. Xa hai cortes intermitentes da subministración en Porqueira, e en Boborás levan xa meses con restricións para usos particulares non esenciais.