A ruta das telleiras do Baixo Ulla: chegou haber unha ducia en uso no século pasado
Están ubicadas entre os concellos de Valga, Catoira e Rianxo
Houbo un tempo en que o Baixo Ulla foi unha referencia na fabricación de tellas. A propia comarca proporcionaba todo o material que a industria precisaba: arxila, auga e leña para os fornos. Poucas quedan das vellas telleiras da zona pero varios proxectos están a conseguir revalorizalas xunto a todo o patrimonio ligado á industria.
Veciña da zona e apaixonada da arqueoloxía e etnografía do Baixo Ulla, Cristina Conde, fixo algunha vez de acompañante na Ruta das Telleiras da Asociación Os Penoucos de Valga.
Estamos agora mesmo nas telleiras de Valga, neste caso na de Padín que é a última en empregarse. E no medio temos a que é a telleira de Rodeiro que se cre que era da época romana e que se fundían alí metais.
Son só tres da ducia de telleiras que chegou funcionar nos séculos XIX e XX entre os concellos de Valga, Catoira e Rianxo. Un negocio florecente de tellas, ladrillos e mesmo olas, que se abandonou nos anos 60.
Nos meses longos do verán, traballaban desde as 6 da mañá ata as once da noite. Necesitaban un día e medio para secalas e despois 2 e medio para que se coceran nas telleiras. Facían 3.000 tellas ao día e durante todos eses meses, esas tellas xa estaban encargadas.
Incluídas hai 5 anos na Lista Vermella do Patrimonio, Valga recuperou as súas e parece que Catoira está en camiño. Todas intégranse no roteiro de 4 quilómetros da Asociación Os Penoucos que inclúe tamén as Torres de Oeste, muíños e arte rupestre.
Comeza un pouco antes das Torres de Oeste, no Muíño do cura de Catoira e segue toda a contorna fluvial, pola beira ata chegar aquí ás telleiras. E non só aquí, subimos o monte e hai tres muíños de vento.
Cristina utiliza fotografías antigas para explicarlles aos interesados cal era o instrumental que empregaban os telleiros e como era o seu traballo.
Recuperar a historia local fai que teñamos ese sentimento de pertenza, de fachenda de saber o que temos e presumir un pouquiño del.