Publicador de contidos

Publicador de contidos

A reforma da sedición supera outro trámite

A reforma da sedición supera outro trámite

O Congreso rexeita as emendas á totalidade de PP, VOX, C's, Junts e a CUP

A oposición acusa o Goberno de actuar ao ditado dos independentistas

Antón Montero 01/12/2022 19:50 Última actualización 01/12/2022 20:39

A reforma do delito de sedición salva outro obstáculo, o dos cinco vetos que presentaron PP, VOX, Ciudadanos, a CUP e Junts. Os partidos cataláns cren que a nova fórmula, a dos delitos públicos agravados, ameaza o dereito á protesta.

Mireia Vehí, da CUP, cre que pretende "a pacificación do independentistmo e, por conseguinte, de todos os movementos contestatarios".

Para Josep Pagès, de Junts: "Busca que a represión do Estado non xere disfuncións en Europa".

A dereita acusou o Goberno de actuar baixo o ditado dos grupos independentistas.

A líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, cre que os propoñentes "queren converter un golpe de estado nun botellón que se pasa da raia".
 

Javier Ortega Smith, de VOX, fala dun efecto chamada ao golpe de estado: "Porque cantos menos mecanismos de defensa teña o Estado, máis doado llelo poñen aos que queren destruílo".

E o PP apelou, sen éxito, á rebelión da bancada socialista. 

"Sei que vostedes se deben á disciplina do grupo, pero non estaría mal rompela algunha vez por respecto ao seu país e aos seus votantes", dixo Carlos Rojas.

Tanto PSOE como Unidas Podemos reivindicaron a reforma como ferramenta para solucionar o conflito político con Cataluña, fronte ao enfrontamento que, na súa opinión, propicia a dereita.

Jaume Asens, presidente do grupo de Unidas Podemos, cre que os populares "entenden que a política é un cadro de Goya: un duelo a garrotazos".

O socialista Felipe Sicilia expresou a súa certeza sobre o PP: "Prefiren a Cataluña de 2017, a Cataluña da división e do enfrontamento, porque aí é onde vostedes se moven, onde fan a política, na crispación, no enfrontamento".

O texto entra agora no trámite de emendas parciais, en que Esquerra intentará incluír a reforma da malversación. A previsión é que os cambios entren en vigor antes de que remate o ano.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade