Publicador de contidos

Publicador de contidos

A RAG fai balance das Letras Galegas das cantareiras:  "un éxito sen precedentes"

A RAG fai balance das Letras Galegas das cantareiras:  "un éxito sen precedentes"

A institución celebra en Muxía o Simposio das Letras Galegas 2025 cun programa de relatorios e mesas redondas abertas ao público

Henrique Monteagudo, presidente: “Emociónanos a positiva recepción destas Letras Galegas entre a xente máis nova, que goza da tradición e que lle abre novos vieiros. A través dela, conecta co uso e o coñecemento da lingua galega”

G24.gal 22/11/2025 10:43

As Letras Galegas de 2025, dedicadas ás cantareiras e á poesía popular oral, viven hoxe a derradeira gran cita presencial da Real Academia Galega. O simposio co que a institución adoita poñerlle o ramo cada ano á maior festa da cultura galega desenvólvese ata esta tarde no Parador de Muxía cun programa, aberto ao público, no que se fará balance da celebración e se reflexionará sobre as perspectivas de futuro para a tradición, entre outros temas.

“A RAG está moi satisfeita coa extraordinaria acollida que estas Letras Galegas tiveron en toda Galicia”, destaca o presidente da institución, Henrique Monteagudo, que fai fincapé especialmente non seu impacto positivo na relación entre lingua e mocidade.

“Neste peche do ano das cantareiras, queremos agradecer a grande implicación de persoas e colectivos que conforman o tecido asociativo cultural de base, que foi fundamental para o seu éxito, e expresar a nosa ledicia porque contribuíra á visibilidade e ao apoderamento das cantareiras de cada concello, de cada parroquia, que foron homenaxeadas en todos os recantos do país. Pero se algo nos emociona é constatar a positiva recepción da xente máis nova, que goza da tradición e que lle abre novos vieiros, e que conecta a través dela co uso e o coñecemento da lingua galega”, salienta o presidente da RAG.

Henrique Monteagudo inaugurou o simposio xunto á académica María López-Sández; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o alcalde de Muxía, Javier Sar, que interviñeron en representación das institucións que colaboran na organización dun simposio que tamén conta co apoio económico do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

López-Sández falou en nome do equipo de organización do simposio do que tamén forman parte os académicos Víctor F. Freixanes e Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro popular galego no que traballou canda a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, falecida en 2023. 

Os eixes do encontro 

“Estas Letras Galegas permitiron dalgún modo unir dous ámbitos: o da cultura de masas e o asociacionismo e a alta cultura, e coido que a enerxía que se experimentou este ano, vivido con tanta intensidade, ten que ver con isto. Vemos ademais como as novas xeracións están a retomar o legado da tradición, empregando novas canles, situándoo noutros espazos, e sobre todo isto queremos reflexionar”, valora María López-Sández.

No balance dos últimos meses e neses novos camiños da tradición afondarase na mesa redonda que moderará Ana Boullón, impulsora da candidatura das cantareiras para as Letras, en conversa cos músicos Xabier Díaz e Richi Casás (neto e sobriño neto de Rosa e Adolfina Casás, dúas das sete cantareiras nas que se personificou este 17 de maio), e a técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, Isabel Vigo.

Boullón subliña a importancia deses vieiros que se abren no mundo tradicional para a súa propia saúde e lonxevidade.

“Este ano celebramos o camiño que nos trouxo ata aquí, as mulleres que nos transmitiron e crearon esta tradición centenaria, pero para sobrevivir a tradición ten que adaptarse aos novos tempos. As novas figuras da nosa música tradicional é o que están a facer, e é o que precisamos para conseguir oíntes entre a xente nova, que é o que nos interesa. É certo que pode haber uns camiños máis ortodoxos, que continúen a tradición tal e como era, pero o futuro precisa esoutras vías”, considera a secretaria da RAG.

O simposio terá outro eixe nas variables clase e xénero na poesía popular oral.

“A perspectiva de xénero é intrínseca a este 17 de maio que personificamos na muxiá Eva Castiñeira, as Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) e Rosa e Adolfina Casás Rama (Cerceda) para poñermos o foco no papel das mulleres na transmisión da tradición oral e nesa dobre subalternidade e interseccionalidade de lingua e xénero”, lembra María López-Sández.

“Quixemos volver sobre as letras das coplas e ver como o carácter patriarcal da sociedade tamén se plasmou, por veces de xeito directo e por veces desde a contestación; e interesounos igualmente ver como xénero e clase social interseccionan arredor dun patrimonio creado polas clases populares, xente labrega e do mar durante moito tempo analfabeta”, detalla.

A mesa redonda sobre xénero e clase, moderada por Antón Santamarina, contará co investigador Domingo Blanco, a profesora e intérprete de música tradicional Branca Villares e a etnomusicóloga Xulia Feixoo, encargada ademais de pronunciar a conferencia inaugural.

O musicólogo Sergio de la Ossa e o estudoso dos cancioneiros Manuel Rico Verea son tamén protagonistas desta cita que rematará ás 19:30 horas cunha actuación musical da A. C. Abaladeiras de Muxía. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos