Publicador de contidos
Publicador de contidos

A profusión de radares camuflados na N-550 xera división de opinións

A profusión de radares camuflados na N-550 xera división de opinións

Mentres residentes da parroquia compostelá de Marantes que viven a pé da estrada piden máis medidas para controlar a velocidade dos coches, condutores quéixanse da ocultación dos radares 

Imaxe da N-550 ao paso por Marantes, en Santiago, este mércores nun punto con cambio de rasante, encrucillada e paradas de bus
G24.gal 04/10/2023 14:11

No quilómetro 52 da N-550, entre Santiago e A Coruña, ao seu paso pola parroquia compostelá de Marantes conflúen varios factores de risco que motivan limitación da velocidade a sesenta quilómetros por hora: cambio de rasante, encrucillada e parada de autobús que implica atravesar andando tres carrís.

En pleno debate sobre a colocación de radares móbiles agochados case a diario por esta zona, Margarita, desde a súa furgoneta, critica que eses controis estean ocultos: "Vexo que a Garda Civil de Tráfico está na estrada, pero máis do cincuenta por cento... cando os viches, xa pasaches (o radar)".

Margarita matiza que adoita circular dentro dos límites. Como Andrea, que vai no seu coche por aquí todos os días: "Levo dous anos facendo esta ruta Sigüeiro-Santiago e de momento non me apareceu ningunha multa. Ou sexa, que o levo ben. Pero tamén é certo que respecto todos os sinais de tráfico, polo que tampouco debería ter multas".

Outros condutores expresaron, só fóra de cámara, o seu rexeitamento á colocación de tanto radar móbil nesta estrada. Non opinan o mesmo as veciñas que teñen que atravesar a estrada para ir dun lado a outro da parroquia ou ás que o asfalto lles chega á porta da casa, como Rosalía, que sinala un que pasa nese momento.: "Vostede cre que ese coche vai a 60?, creo que non. Ningún, eh".

E di que pola noite a súa casa retumba pola velocidade á que circulan moitos camións. Ao sinalarlle que hai queixas por que poñen moitos radares para sancionar os excesos de velocidade, di: "Aínda tiña que haber máis. Aquí xa tiñan que poñer un. Se houbese un (radar) na entrada, xa irían máis amodo".

Rosalía conclúe con que sabe do que fala pola súa vivencia cotiá durante décadas e limitando as visitas á familia que vive do outro lado para non correr riscos atravesando a estrada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade