Publicador de contidos
Publicador de contidos

A primeira convocatoria de Montse Tomé, novo pulso da RFEF ás xogadoras

A primeira convocatoria de Montse Tomé, novo pulso da RFEF ás xogadoras

A seleccionadora chama a quince das vinte e tres campioas do mundo e recupera a Patri Guijarro e Mapi León

Diversas fontes confirman que a lista non está consensuada coas futbolistas

Dezanove das convocadas declaráranse "non seleccionables" mentres non se deran cambios estruturais na RFEF

G24.gal 18/09/2023 20:53

Apenas unhas horas despois de que a Federación emitise un comunicado para reiterar o seu compromiso cos cambios estruturais demandados polas futbolistas, Montse Tomé comparecía con tres mensaxes.  

"A selección comeza unha nova etapa e o contador está a cero. Estamos con Jenni Hermoso e co resto de xogadoras. Cremos que a maneira de axudalas é estar preto delas e escoitalas", asegurou. 

Pero a medida que avanzaba a comparecencia, medraba o desconcerto e a sensación de que asistiamos ao enésimo órdago da Federación ás internacionais. Nesta primeira lista están 15 das 23 campioas do mundo. Reaparecen tamén Mapi León, Patri Guijarro, Amaiur Sarriegi, Laia Alexandri e Lucía García, que rexeitaran ir ao Mundial. Jenni Hermoso non entra nesta convocatoria ao considerar o corpo técnico que "este é o mellor xeito de protexela"

Das vinte e tres futbolistas convocadas por Tomé, dezanove declaráranse "non seleccionables" días atrás. A adestradora evitou confirmar que houbese consenso na elaboración desta lista. "Confío na súa profesionalidade. Acaban de ser campioas do mundo e estar na selección é un privilexio. Sei que van estar aquí mañá", sentenciou.

Todo apunta a que se descoñece cantas responderán este martes á súa chamada. As futbolistas, entrementres, gardan silencio. Montse Tomé insistiu por activa e por pasiva en que os tempos son outros. "Eu non son Jorge Vilda, eu son Montse Tomé". E engadiu: "Confío en que poderemos facer ben o noso traballo e en que as xogadoras poderán desenvolver a súa profesión con total seguridade, tal e como merecen"

O pulso está aberto. A lei do deporte obriga as seleccionadas a acudiren á chamada, aínda que a última hora da tarde se descoñecían a data, a hora e o lugar da convocatoria. O conflito, lonxe de solucionarse, enquístase.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade