Publicador de contidos
Publicador de contidos

A poeta romanesa Ana Blandiana, premio Princesa de Asturias das Letras 2024

A poeta romanesa Ana Blandiana, premio Princesa de Asturias das Letras 2024

O xurado salienta que é "unha creadora radicalmente singular" cunha "poesía indómita" que reflicte unha "capacidade extraordinaria de resistencia fronte á censura"

Imaxe de arquivo de Ana Blandiana en 2021, co gallo da súa investidura como Doutora Honoris Causa pola Universidade de Salamanca (Europa Press). Imaxe de arquivo de Ana Blandiana en 2021, co gallo da súa investidura como Doutora Honoris Causa pola Universidade de Salamanca (Europa Press).
G24.gal 23/05/2024 12:21

A poeta, prosista, ensaísta e periodista, Ana Blandiana, unha das figuras máis relevantes e internacionais do panorama literario romanés e destacada activista política, foi galardoada este xoves co Premio Princesa de Asturias das Letras 2024, fallado este mediodía en Oviedo.

Autora de máis dunha trintena de libros de poesía, novelas e ensaios que foron traducidos a máis de 25 idiomas, a candidatura de Blandiana (Timișoara, 1942) impúxose entre as 38 que optaban a este galardón, que na pasada edición recaeu no escritor e tradutor xaponés Haruki Murakami.

Unha poeta "indómita" cunha "capacidade extraordinaria de resistencia fronte á censura"

O xurado que lle concedeu o premio destacou que Blandiana, primeira persoa de orixe romanesa en obter un Princesa de Asturias, é "unha creadora radicalmente singular" cunha "poesía indómita" que reflicte unha "capacidade extraordinaria de resistencia fronte á censura".

Otilia Valeria Coman ou Ana Blandiana, como se fai chamar desde que en 1978 se lle prohibiu usar o nome de seu pai, un sacerdote ortodoxo declarado inimigo polo réxime comunista de Nicolae Ceaucescu, foi unha firme opoñente da súa ditadura e destacada defensora dos dereitos humanos e da democracia.

Os poemas de Blandiana circularon en milleiros de exemplares de xeito clandestino e os seus libros estiveron prohibidos no seu país desde 1959 ata 1964, e tamén en boa parte da segunda metade dos anos oitenta. 

Tras a caída do réxime comunista, Blandiana fundou e presidiu a Alianza Cívica (1991-2001), organización independente que loitou pola democracia e fixo posible a entrada de Romanía na Unión Europea.

Títulos como O talón vulnerable (1966), O terceiro sacramento (1969), 50 poemas (1970), Acontecementos no meu xardín (1980), A hora de area (1984) ou Acontecementos na miña rúa (1988), consagrárona no mundo das letras romanesas, e servíronlle para o seu recoñecemento internacional e a obtención de numerosos premios e distincións.

Autora de culto en toda Europa, é presidenta de honra do PEN de Romanía, é membro da Academia Europea de Poesía, da Academia de Poesía Mallarmé, da Academia Mundial de Poesía (Unesco) e da Unión de Escritores de Romanía.

Unha autora de culto traducida a 24 linguas

As súas obras están traducidas a 24 linguas. En español, a editorial Visor reeditou recentemente os poemarios Variaciones sobre un tema dado (2018), sobre a morte do seu marido, e Primera personal del plural / El talón vulnerable, da súa época de mocidade. 

A crítica destacou, ademais, que Blandiana simboliza a conciencia e o testemuño do seu tempo, a emblemática oposición ao réxime e a loita contra a censura, e a súa voz proponnos unha reflexión sobre a creación artística e a condición humana, sobre a inocencia, a caída, a morte e a supervivencia, sobre o amor e a responsabilidade perante o terror da historia e a necesidade de deixar constancia do vivido.

Premio de Poesía da Unión de Escritores de Romanía (1969), recibiu, entre outros, o Premio de Poesía da Academia Romanesa, o Premio Internacional Gottfried von Herder da Universidade de Viena (1982), o Premio Nacional de Poesía (1997), o Premio Opera Omnia (2001), o Premio Internacional Vilenica (2002) e o Premio Poeta Europeo de Liberdade en 2016, ademais da Lexión de Honra francesa.

En 2015, participou no ciclo Poetas Di(n)versos celebrado no Centro Ágora da Coruña baixo a dirección da poeta Yolanda Castaño. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade