Publicador de contidos

Publicador de contidos

A plataforma de Díaz rexistra o Movemento Sumar para facilitar a confluencia

A plataforma de Díaz rexistra o Movemento Sumar para facilitar a confluencia

"Avanzamos nunha confluencia con todas as que compartan o horizonte de país", aseguran desde a formación

Yolanda Díaz nun acto de Sumar en Sevilla (EFE/Raúl Caro)
G24.gal 30/05/2023 14:14 Última actualización 30/05/2023 15:17

Ante o adianto das eleccións xerais ao 23 de xullo, a plataforma encabezada por Yolanda Díaz rexistrou un partido "instrumental" co nome de Movemento Sumar para "garantir a participación de persoas independentes e profesionais na confluencia".

Así o confirman fontes da formación, despois de que Sumar anunciara en Twitter a constitución do partido.

"Estamos listos para as eleccións. Constituímos un partido instrumental que sexa o corazón cidadán do proxecto e presentarnos con garantías o 23X. Avanzamos nunha confluencia con todas as que compartan o horizonte de país", afirman.

Fontes da plataforma explican tamén que se informou desta iniciativa a todos os partidos cos que se conversa para crear unha candidatura de unidade, que deron o seu visto e prace.  

Ademais, recalcan que a fórmula de partido instrumental serve para "poder garantir a participación de persoas independentes e profesionais na confluencia"

E conclúen: "O noso obxectivo está claro: converter a Yolanda Díaz na primeira presidenta do Goberno de España e garantir unha maioría progresista que nos permita defender os dereitos conquistados e seguir avanzando".

O rexistro deste Movemento Sumar prodúcese cando xa corre o prazo de dez días para que poidan presentarse os partidos que concorren ás eleccións, e mentres Podemos e a plataforma de Yolanda Díaz iniciaron conversas para acordar a fórmula coa que se presentarán.

Yolanda Díaz telefonou onte a Ione Belarra para desconxelar a relación e traballar por un pacto á esquerda do PSOE. Esta recoñecía: "Estamos traballando xa para darlle á cidadanía progresista deste país a noticia que leva tanto tempo esperando". 

Porque antes da campaña Podemos vía a Díaz remisa ao acordo, tal e como deixaba entrever Irene Montero: "Nós queríamos os acordos moito antes de que comezase o ciclo electoral a pelota está no tellado de Yolanda". E a formación morada non acudiu ao bautismo de Sumar, en que a ministra de Traballo fixou o obxectivo: "Quero ser a primeira presidenta do noso país".

Agora as negociacións recaen no xefe de gabinete de Díaz, Josep Vendrell, e na secretaria de organización de Podemos, Lilith Verstrynge. Pero na ecuación deben encaixar tamén unha quincena de partidos que xa apostaron pola fórmula de Sumar, dende Más Madrid ou Compromís ata os Comúns.

Iñigo Errejón resumía así o vínculo con Yolanda Díaz: "Non só unha magnífica relación persoal, senón unha evidente sintonía política".

Hoxe o líder de Esquerda Unida tamén apostaba pola candidatura de Díaz, como "a mellor oportunidade para ofrecer un proxecto de país e gañar as xerais". E pide "non perder nin un minuto e traballar unitariamente".

É a primeira formación que dá formalmente o paso. Tamén Alianza Verde e Verdes Equo apostan por incorporarse a Sumar.

Os malos resultados do domingo, que deixaron moi tocada a formación morada e tamén castigaron as apostas municipais de Díaz, poderían facilitar a candidatura de unidade. As diferenzas están no reparto de poder entre as forzas, que Podemos quere arranxar nunhas primarias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade