Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump e Irán anuncian un cesamento do fogo de dúas semanas e o petróleo baixa dos 95 dólares

Trump e Irán anuncian un cesamento do fogo de dúas semanas e o petróleo baixa dos 95 dólares

O presidente dos EUA suspende os ataques sempre que haxa unha apertura completa, inmediata e segura de Ormuz

Asegura que cumpriron todos os obxectivos militares e que está moi avanzada a sinatura dun acordo definitivo sobre a paz a longo prazo con Irán e en Oriente Próximo

Euforia nas bolsas europeas logo do anuncio de tregua: o IBEX 35 sobe máis dun 3 % e supera os 18.000 puntos

Estes son os dez puntos do plan de Irán para negociar a fin da guerra cos Estados Unidos

G24.gal 08/04/2026 01:00 Última actualización 08/04/2026 10:45

Irán e os Estados Unidos acordaron este mércores (martes, en Washington) un cesamento do fogo de dúas semanas, durante o cal negociarán un acordo de paz en Paquistán con base nun plan de dez puntos presentado por Teherán que inclúe, entre outros, un control iraniano do estreito de Ormuz.

Con todo, Israel, que tamén aceptou esta tregua, sinalou que as hostilidades non cesarán no Líbano, onde o seu exército mantén unha dura ofensiva aérea e terrestre.

Cesamento do fogo temporal 

O presidente dos EUA Donald Trump anunciou en redes sociais un acordo con Irán para un cesamento do fogo de dúas semanas, durante as cales negociarán un acordo de paz en Islamabad, a capital de Paquistán, con base nun plan de dez puntos presentado por Teherán. 

Trump asegurou que a posibilidade de alcanzar un acordo de paz definitivo con Irán se atopa nunha etapa moi avanzada e indicou que a razón deste pacto é cumprir e superar todos os obxectivos militases.

Un paso seguro polo estreito de Ormuz 

O ministro iraniano de Exteriores Abbas Araqchi dixo que será posible o paso seguro polo estreito de Ormuz durante as próximas dúas semanas, despois do cesamento do fogo bilateral. 

Trump, pola súa banda, demandou que Teherán acceda no futuro á apertura completa, inmediata e segura do estreito de Ormuz, despois de que o Consello Nacional de Seguridade persa asegurase que o seu plan estipula un protocolo de seguridade para garantir o control iraniano deste paso estratéxico. 

Irán reiterou que o acordo non significa a fin da guerra e que esta queda suxeita a que Washington acepte as súas propostas.

Israel manterá a súa ofensiva no Líbano 

O Goberno de Israel anunciou que acepta o cesamento do fogo baixo a condición de que Teherán abra inmediatamente o estreito de Ormuz e cese os seus ataques na rexión, pero afirmou que o acordo non inclúe O Líbano, en contra do sinalado por Paquistán.

Nin o Goberno do Líbano nin a milicia xiíta Hezbollah se pronunciaron sobre o cesamento do fogo entre os Estados Unidos e Irán. Asemade, as Forzas de Defensa Israelís (FDI) informaron de polo menos tres ataques contra o seu territorio lanzados desde Irán posteriores ao anuncio de cesamento do fogo.

Negociacións en Paquistán

O primeiro ministro de Paquistán Shehbaz Sharif confirmou a tregua de dúas semanas e anunciou que o alto ás hostilidades entra en vigor de forma inmediata grazas á mediación de Islamabad, onde a partir do 10 de abril se celebrarán as negociacións entre Os Estados Unidos e Irán.

A Casa Blanca prevé que o vicepresidente dos EUA JD Vance estea presente nas próximas conversacións entre o seu país e Irán, segundo informou, citando representantes do Goberno estadounidense, a cadea estadounidense CNN.

A base da negociación é o plan de dez puntos de Teherán, que prevé o cesamento dos ataques dos Estados Unidos e Israel contra Irán pero tamén contra os aliados do país na rexión, a retirada das tropas estadounidenses de toda a rexión, o levantamento de todas as sancións económicas coontra Irán e a eliminación das resolucións da Xunta de Gobernadores do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) contra Teherán.

O petróleo cae e as bolsas asiáticas dispáranse

O prezo do petróleo baixou considerablemente, por baixo dos 95 dólares, e as principais bolsas de Asia abriron este mércores á alza, influenciadas polo acordo de cesamento do fogo. 

O petróleo intermedio de Texas (WTI, polas súas siglas en inglés) caeu un 14,19 % tras o anuncio, ata os 96,92 dólares, mentres que o barril de brent, de referencia en Europa, baixaba un 13,3 % ata os 94,74 dólares ás 01:37 GMT, en horas de negociación asiática.

Así mesmo, os principais índices de Tokyo e Seúl disparáronse á apertura cunha subida do 4 e 5 % respectivamente, seguidos polos referenciais de Hong Kong e Shanghai, con ganancias máis modestas, ao creceren un 2,51 e 1,03 %.

Wall Street abre en verde

Wall Street abriu en verde este mércores e o seu principal indicador, o Dow Jones de Industriais, subía un 2,83%

A Bolsa de Nova York reaccionou con optimismo ao acordo de cesamento do fogo entre os Estados Unidos e Irán, anunciado polo presidente Trump.

Pola súa banda, o petróleo intermedio de Texas (WTI, polas súas siglas en inglés) afundíase un 18,08%, ata os 92,52 dólares o barril, despois de semanas tensionado pola situación en Ormuz.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade