Publicador de contidos

Publicador de contidos

A nova ética económica, por María Bastida

OPINIÓN

A nova ética económica, por María Bastida

María Bastida 18/02/2026 07:58

Yolanda Díaz decidiu enriquecer o debate económico español lembrándonos que o presidente da CEOE Antonio Garamendi gaña 23 veces o salario mínimo interprofesional. Un argumento profundamente económico, como se pode comprobar.

Non é un dato especialmente relevante para fixar o SMI, nin para avaliar o seu impacto sobre o emprego, nin para estimar a súa absorción sectorial nin para anticipar os seus efectos sobre a negociación colectiva. Desde o punto de vista técnico, é absolutamente irrelevante que Garamendi gañe 5, 23 ou 200 veces o SMI para determinar se a subida é absorbible por pemes, impacta en emprego xuvenil, comprime salarios baixos de convenio ou se afecta a marxes en sectores de baixa produtividade. E estes son os elementos que deberiamos estar a valorar, e os que deberían preocuparnos desde un punto de vista económico.

Pero a tentación da mensaxe populista é demasiada potente para a señora Díaz, pois despraza o debate desde o terreo institucional á moral, un terreo moito máis cómodo que calquera memoria económica. Desde a produtividade á exemplaridade. Desde os custos laborais unitarios á ética persoal do interlocutor. Porque comparar a retribución dun cargo directivo nunha organización privada cun limiar salarial fixado polo Estado só permite converter un desacordo técnico nunha falta moral.

Evidentemente, a política económica non debería dirimirse neses termos. Cando se afirma que hai marxe para subir salarios porque as marxes empresariais son brutais, está a dicirse algo parcialmente certo, pero profundamente enganoso. En sectores concretos (enerxía, banca, algunhas utilities) houbo expansión de marxes pospandemia. Con todo, España ten un tecido produtivo con máis do 94 % de empresas de menos de 10 traballadores. E estas empresas non fixan prezos, non teñen poder de mercado e compiten en custos. Por tanto, falar das marxes empresariais como agregado macro para xustificar subidas salariais homoxéneas é conceptualmente incorrecto. Porque o SMI non o paga o IBEX, senón o bar do barrio, a empresa de limpeza, a residencia ou a peme auxiliar industrial. E aí a marxe non é brutal: é do 3 ao 6 %.

Convén lembrar, ademais, que a patronal non apoiou esta subida do SMI. Non por unha repentina insensibilidade social, senón porque o deseño institucional do chamado diálogo social en España permite que Goberno e sindicatos acorden o incremento dun custo que non pagan eles. A diferenza doutras decisións orzamentarias, onde quen decide asume o impacto fiscal da medida, neste caso o aumento trasládase integramente ás empresas, incluídas aquelas que non participaron no acordo. É dicir, dúas das partes da negociación poden fixar as condicións económicas que deberá asumir a terceira, con independencia da súa posición na mesa.

Presentar a súa ausencia como falta de compromiso social non só é inxusto: normaliza un modelo de negociación no que dúas das partes poden acordar o custo que asumirá a terceira. Subir o SMI pode ser razoable. Moralizar o desacordo social non o é. E deslexitimar a quen ten que pagar a medida por non aplaudila converte o diálogo social en algo moi distinto dun diálogo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos