A muller agredida en Zamáns pola exparella ten protección policial 24 horas
Vítima de ataques físicos e dun intento de atropelo, falou coa TVG sobre a situación que vive na actualidade
O detido quedou en liberdade con cargos tras prestar declaración. Ela e os fillos teñen vixilancia policial
Jennifer non quere ocultar o seu nome nin a súa historia pero si o seu rostro. Quere atendernos na súa casa e amosarnos os danos que causou a que fora a súa parella, tras intentar atropelala co seu coche a ela e os seus dous primos o 11 de xaneiro.
"Collo o teléfono e dígolle que mellor veña mañá á casa cando estea máis tranquilo, cando tivese alguén comigo que non quería estar soa se viña. Díxome se agora lle tiña medo e contestei que despois da malleira que me deu como para non ter medo. E el negando en todo momento que me pegara".
"Subiu ao coche. Eu estaba vendo as intencións que tiña porque previamente nunha chamada dixérame que ía rebentar o coche contra nós".
Jennifer tivo que ser atendida nun centro hospitalario. A que fora a súa parella quedou en liberdade tras prestar declaración coa prohibición de comunicarse e aproximarse a ela e os seus fillos menores. Dende entón vive con vixilancia policial as 24 horas.
"De ser agredida fisicamente, ao intento de homicidio polo que está investigado, porque tentou atropelarnos co coche varias veces na casa. Que a fiscal pida prisión preventiva mentres non sae o xuízo ou unha orde de afastamento cunha pulseira telemática... Finalmente nada, danlle unha orde de afastamento de 500 metros e xa está".
"Pode matarme mañá e non pasa nada".
"Que eu teña que estar custodiada 24 horas ao día por ser agredida e non pasa nada, non me parece. Creo que a xustiza ten moito que cambiar porque aquí non hai xustiza".