A moeda cae do lado do Obradoiro no final apertado de Murcia
O equipo santiagués dominou todo o partido e chegou a ter vantaxes de ata dezaseis puntos no terceiro cuarto
UCAM igualou o marcador a tres minutos do final, pero o Obradoiro volveu gañar despois de cinco derrotas
O Obradoiro crebou a serie de cinco derrotas consecutivas cun triunfo de moito mérito na pista do UCAM. Foi por diante no marcador durante todo o partido, pero tivo que sufrir moito nos últimos tres minutos para apañar a vitoria (80-84).
Comezou moi ben o partido para o Obra cos irmáns Scrubb enchufadísimos anotando os dez primeiros puntos (3-10). Chegou a ter unha máxima de oito puntos o cadro santiagués (12-21), que rematou o primeiro cuarto cinco arriba (16-21). O segundo cuarto comeza con triplas de Walker e Álex Suárez. Nos mellores minutos do Obradoiro, chega a ter unha máxima vantaxe de 15 puntos (18-33),k e ao descanso a diferenza queda en trece (35-48).
Parecía o terceiro cuarto controlado a prol do equipo galego (39-55), pero un parcial de 9-1 meteu o UCAM no partido. Encaraba o último cuarto dez abaixo (53-63) pero con mellores sensacións sobre a pista. Aguantou o Obradoiro ata o minuto 34 (59-70), cando apareceu a calidade dos xogadores de ataque de Murcia. Cun 16-5, nun abrir e pechar de ollos, conseguiron empatar o partido por primeira vez (75-75).
No momento quente asumiron a responsabilidade Phil Scrubb e Bender (77-79), e a xogada chave foi o 2+1 de Álex Suárez a 30 segundos do final (77-82). Esa marxe foi dabondo para un triunfo importantísimo na loita por afastarse dos postos de perigo.