A Mesa do Congreso admite as proposicións de PP, Sumar e Podemos para evitar que o SMI tribute
Os ministerios de Facenda e Traballo manteñen o enfrontamento
A pesar dos xestos en público, o conflito entre Facenda e Traballo está tan vivo como hai unha semana. Ningunha das ministras dá o brazo a torcer. María Jesús Montero insiste en que o novo salario mínimo ten que tributar e Yolanda Díaz oponse frontalmente.
Para a voceira do Goberno, Pilar Alegría, o único que importa é que suba e insiste en que haberá máis revalorizacións no futuro. A parte socialista do executivo asegura, ademais, que o comité de expertos do Ministerio de Traballo recomendaba esa tributación, pero en Sumar négano.
Os de Yolanda Díaz agardan que Facenda recúe elevando o mínimo exento. Prefiren un acordo no seo do Goberno, pero manteñen un plan b no Congreso. Para Ernest Urtasun, ministro de Cultura e voceiro de Sumar, o PSOE "ten o debate socialmente perdido, está illado no Congreso e, nesta situación, enrocarse é absurdo".
A Mesa do Congreso deulles este martes luz verde ás proposicións de lei que rexistraron o PP, Sumar e Podemos para que o SMI non tribute. O Goberno ten agora un mes para decidir se veta a súa tramitación e quere adiantar a súa estratexia. E é que ese veto do Goberno podería levantarse se PP e Sumar unen os seus votos na Mesa do Congreso.
A estas horas ninguén descarta nada, nin sequera Podemos, que non se pecha a nada. Nestes momentos, o PSOE atópase só defendendo a tributación do salario mínimo.