A mensaxe de Santi Denia que pode achegar a Gabri Veiga ao Porto
"Mandounos o club que o xogador non podía vir coa sub-21", asegurou o adestrador
O porriñés pertence ao Al Ahli Saudi, que non xogará o Mundial de Clubs, pero o cadro portugués si vai estar nesa cita

Unha mensaxe de Santi Denia sobre Gabri Veiga sorprendeu os xornalistas que estaban seguindo a comparecencia da convocatoria sub-21 da selección española. "Mandáronnos unha notificación de que non podía vir", asegurou Denia.
Faltan varios xogadores na sub-21. Uns son os que están coa selección absoluta. Outros, os que teñen que afrontar unha competición oficial como o Mundial de Clubs, que vai xogarse entre o 15 de xuño e o 13 de xullo. O equipo de Gabri Veiga, o Al Ahli Saudi, non está clasificado para esta edición de 2025, pero si está clasificado o Porto, que compartirá grupo co Palmeiras, Inter de Miami e Al Ahly de Exipto.
Gabri Veiga está a ser relacionado co Porto desde hai uns días. 17 millóns de euros está disposto a poñer o equipo portugués por un centrocampista que remata contrato co Al Ahli en 2026. Daquela marcharía libre e agora o conxunto de Arabia podería conseguir un bo diñeiro polo porriñés.