Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanidade mantén a máscara obrigatoria en transporte público e nos avións

Sanidade mantén a máscara obrigatoria en transporte público e nos avións

A Axencia Europea de Seguridade (EASA) e o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) anuncian que a máscara deixará de ser obrigatoria para viaxar en avión a nivel internacional

En España haberá que seguir utilizándoa, seguindo a nosa normativa sobre transportes 

G24.gal 11/05/2022 11:34 Última actualización 11/05/2022 20:02

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, desbotou que o Goberno elimine o uso obrigado das máscaras no transporte público e nos avións, a pesar de que a Axencia Europea de Seguridade (EASA) e o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) anunciaran que retirarán esta recomendación.

Así o sinalou Darias na conferencia de prensa que tivo lugar ao remate da xuntanza do Consello Interterritorial de Saúde, onde precisou que as recomendacións sobre o uso de máscaras tanto nos aeroportos como en voos debe estar en consonancia coas medidas nacionais sobre o seu uso en medios e centros de transporte.

Lembrou que o decreto aprobado polo Executivo o pasado mes de abril establece que non é obrigatorio o seu uso nos andéns nin nos propios aeroportos, pero é obrigaorio nos transportes públicos e nos voos.

Recomendacións da EASA e da ECDC

A Axencia Europea de Seguridade (EASA) e o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) anunciaron este mércores que retirarán a recomendación de que as máscaras sexan obrigatorias en voos e aeroportos como parte das medidas contra a covid.

A actualización do protocolo conxunto de Seguridade Sanitaria na Aviación ten en conta a situación actual en relación á pandemia, en particular os niveis de vacinación e de inmunidade adquirida de forma natural, sinalaron as organizacións nun comunicado.

"A partir da semana que vén, as máscaras xa non terán que ser obrigatorias nas viaxes aéreas en todos os casos, en liña coa modificación de requisitos para o transporte público das autoridades nacionais en toda Europa", declarou o director executivo de EASA, Patrick Ky.

Agregou que é un "gran paso" cara á "normalización" para pasaxeiros e persoal, aínda que cominou a actuar con "responsabilidade" e usar máscara se están esbirrando e tusindo.

A nova recomendación entrará en vigor o 16 de maio, pero as normas particulares poderán seguir variando a partir desa data, por exemplo en traxectos entre países onde o uso de máscara no transporte público aínda sexa un requisito

"As normas e requisitos dos estados de orixe e de destino deben ser respectadas e aplicadas de forma coherente e os operadores deberían ocuparse de informar os pasaxeiros das medidas requiridas", agregou Andrea Ammon, directora da ECDC.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade