A loita contra o cancro de páncreas mobiliza a comarca de Valdeorras
Este domingo celebrouse unha das citas benéficas máis destacadas da comarca coa Carreira das Cidades Contra o Cancro de Páncreas, en Vilamartín
Os ingresos das inscricións e dos que colaboran a través do dorsal cero serán destinados integramente a investigar o cancro de páncreas
A loita contra o cancro de páncreas mobilizou un ano máis a comarca de Valdeorras. Este domingo celebrouse unha das citas benéficas máis destacadas da comarca coa Carreira das Cidades Contra o Cancro de Páncreas, en Vilamartín. Nela participaron unhas 900 persoas. Esta é a oitava edición e este ano ten carácter solidario dobre.
Os ingresos das inscricións e dos que colaboran a través do dorsal cero serán destinados integramente a investigar o cancro de páncreas.
Os participantes tamén poden recoller bolsas con sementes de carballo e sobreira para plantar e axudar así a recuperar montes que arderon o verán pasado.
"Aínda queda moito por facer na loita contra o cancro de páncreas. Todo o que se recade aquí en Vilamartín e no resto de cidades de España que se unen a este proxecto vai destinado a financiar dúas bolsas, unha bolsa en investigación básica e outra bolsa en investigación clínica, e todo isto estamos seguros de que vai favorecer e mellorar o panorama do cancro de páncreas", di María de Francisco González, médica de Dixestivo do CHUO.