A Lei de saúde pública de Galicia buscará responder a novos riscos sanitarios e mellorar a calidade de vida
A Lei de saúde pública de Galicia buscará responder a novos riscos sanitarios e mellorar a calidade de vida
O Consello da Xunta acordou iniciar os trámites para elaborar a norma, que, segundo Rueda, debe "poñer a saúde no centro das políticas"
O Consello da Xunta acordou este luns inciar os trámites para elaborar a primeira Lei de saúde pública de Galicia.
Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o obxectivo da norma é "mellorar a resposta ante novos riscos sanitarios, reducir a incidencia de enfermidades e mellorar a calidade de vida da poboación".
Alfonso Rueda, lembrou que a lei galega de saúde, que ten máis de 20 anos, regula todas as disposicións sobre o cumprimento das obrigacións da Administración sobre a saúde.
Así as cousas, indicou que o Goberno galego estima que é necesario facer unha lei específica sobre saúde pública, especialmente despois dos episodios relacionados coa pandemia da covid ou o que se "está vendo estes días" co hantavirus. "Todo isto acredita a necesidade de fixarse especialmente no que se refire á saúde publica", dixo.
A lei, que nos próximos días se abrirá a consulta pública antes da súa remisión ao Parlamento a primeiros do ano que vén, "vai poñer a saúde no centro das políticas", segundo afirmou Rueda, de xeito que prevé reforzar a vixilancia epidemiolóxica ou impulsar medidas para previr patoloxías e reducir as enfermidades crónicas, e tamén intervir en cuestións como a promoción de hábitos saudables e a creación de contornas que favorezan mellorar a condición xeral da poboación.
"Regularemos de forma específica a promoción de estilos vida saudables, incluíndo a alimentación, a actividade física, o benestar emocional e a prevención de condutas aditivas", sinalaba o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
Do que se trata é de adaptar a lei aos riscos que teñen para a saúde fenómenos como cambio climático ou a dixitalización, actuando en varias frontes, e atendendo a retos específicos de Galicia como a dispersión xeográfica ou envellecemento, o que segundo Gómez Caamaño "fan oportuno unha abordaxe integral e sostible desde o punto de vista da saúde pública".