Publicador de contidos

Publicador de contidos

O reto de integrar a Intelixencia Artificial nas aulas galegas

O reto de integrar a Intelixencia Artificial nas aulas galegas

 A IA pode acelerar os procesos de aprendizaxe, pero tamén provocar o que se chama "preguiza cognitiva"

Profesores e alumnos xa conviven con estas novas ferramentas e traballan para que o seu impacto docente sexa positivo
G24.gal 12/09/2025 10:57

A Intelixencia Artificial está a cambiar o día a día dos centros de ensino. A IA pode acelerar os procesos de aprendizaxe, pero tamén provocar o que se chama "preguiza cognitiva", porque as máquinas semella que ás veces dan o traballo feito. Nunha aula do instituto Rego de Trabe, os alumnos admiten que a empregan para os deberes, e os profesores asumen que deben adaptarse.

"A nosa función como docentes é encargar tarefas que non poidan ser directamente sacadas de ChatGPT, por exemplo", considera Mónica Fraga, a directora do IES Rego de Trabe de Culleredo

A estratexia de Beatriz Méndez, a profesora de Tecnoloxía, é que os alumnos confronten coa ferramenta para coñecer que ten fallos. O alumnado deulle instrución á IA para facer unha película, pero o resultado non era o que eles imaxinaran.

"É interesante hoxe usar a IA como un asistente. E como axudante, é moi importante que saiban que o primeiro resultado que lles ofrece ao mellor non é correcto. O mundo no que vive o noso alumnado é moi complicado", subliña Beatriz.

Os profesores din que a IA ben usada pode acelerar o proceso de adquisición de coñecementos, por exemplo, potenciar o proceso de ensino e aprendizaxe das linguas. Por iso esporean aos alumnos para que sexan eles os que tomen o temón da creatividade e a crítica sen deixar nas mans dunha ferramenta o que debe ser competencia dun cerebro humano.

"Que saiban que precisan coñecemento para saber se se poden fiar do que a IA lles está contando ou non", remacha Mónica Fraga, a directora do centro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos