Publicador de contidos
Publicador de contidos

A inmunóloga África González recomenda manter as medidas de protección contra a covid

A inmunóloga África González recomenda manter as medidas de protección contra a covid

A catedrática aconsella utilizar sempre a máscara en interiores, malia que "a vacinación non vai representar un incremento tan grande de hospitalizacións e de falecementos"

 

G24.gal 19/11/2021 14:16

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, asegura que a chegada do frío e o regreso a interiores menos ventilados son algunhas das causas que explican o incremento dos contaxios das últimas semanas.

Nunha entrevista no Galicia por diante, da Radio Galega, González afirmou que "hai publicacións que indican que estamos ante un virus estacional. Ademais, cando vai frío, os virus adhírense máis á mucosa respiratoria, polo que o inverno é unha época típica de aumento de infeccións víricas".

"Co tempo hai unha diminución da eficacia da vacina"

Ante esta situación, González recomenda recuperar as medidas de protección e utilizar sempre a máscara en interiores, tendo en conta que "a vacinación non vai representar un incremento tan grande de hospitalizacións e de falecementos".

A catedrática de inmunoloxía está a favor de administrar unha dose de reforzo para as persoas maiores e vulnerables e mesmo ve probable que a vacina contra a covid-19 haxa que renovala cada ano. "Un estudo demostra que co tempo hai unha diminución da eficacia da vacina, sobre todo á hora de protexer da infección, pero segue sendo bastante eficaz na protección ante a enfermidade grave e a morte".  

"Non temos inmunidade comunitaria e o virus segue circulando"

África González entende que implantar o pasaporte covid é unha medida que se dirixe sobre todo a motivar a vacinarse ás persoas que aínda non o fixeron. Os non vacinados son, para a inmunóloga, un risco para si mesmos, un axente de contaxio no seu ámbito e un factor que impide alcanzar a inmunidade comunitaria. "Agora, a pesar do alto índice de vacinación, non temos inmunidade comunitaria e o virus segue circulando".

África González afirma que España é un exemplo para a maioría dos países de Europa pola súa alta taxa de vacinación, pero considera que de cara ao Nadal cómpre ter "moito coidado" e seguir coa medidas de protección, cunha especial atención cara ás persoas maiores e vulnerables.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar