A inflación repunta en xullo ao 2,3 % cun encarecemento dos alimentos do 10,8 %
A inflación repunta en xullo ao 2,3 % cun encarecemento dos alimentos do 10,8 %
Unha subida dos alimentos cinco décimas superior á de xuño ante o encarecemento das froitas (11,6 %) e os aceites e graxas (20,4 %)
A inflación subxacente situouse en xullo no 6,2 %, tres décimas máis que en xuño
En Galicia, o aumento é dunha 2,1 % fronte ao 1,5 % do mes de xuño, o que implica unha diferenza de 6 décimas
A inflación acelerouse en xullo ao 2,3 %, 4 décimas máis que en xuño, impulsada polo encarecemento dos carburantes nun mes no que o prezo dos alimentos e bebidas subiu un 10,8 %.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou este venres o dato do índice de prezos de consumo (IPC), que mostra unha subida dos alimentos cinco décimas superior á de xuño ante o encarecemento das froitas (11,6 %) e os aceites e graxas (20,4 %).
Con todo, o grupo que máis influíu na repunta da inflación xeral foi o transporte, cuns prezos que baixaron un 5,3 %, dous puntos menos que en xuño, despois de que os carburantes encareceran cando hai un ano baixaban.
Tamén meteu presión á alza o sector da roupa e o calzado, que rexistrou unha taxa do 2,1 %, catro décimas superior á de xuño, porque os seus prezos baixaron menos este ano que o pasado.
Ademais, o lecer e a cultura aumentou os seus prezos un 7,2 %, dous puntos máis ca en xuño, ante o maior encarecemento dos paquetes turísticos.
O que baixou
Pola contra, o prezo do grupo de vivenda baixou un 14,9 %, un descenso dous puntos máis intenso que o de xuño debido ao abaratamento da electricidade e o gas.
Con esta repunta, a inflación deixa atrás dous meses consecutivos de moderación, maio (3,2 %) e xuño (1,9 %), aínda que se atopa lonxe das taxas de dous díxitos rexistradas no verán de 2022, en parte polo efecto de comparar cun período no que os prezos xa estaban a subir.
A inflación subxacente -que non ten en conta os prezos da enerxía nin dos alimentos non elaborados por ser os máis volátiles- situouse en xullo no 6,2 %, tres décimas máis que en xuño, co que a súa diferenza co IPC é de case catro puntos.
En xullo os prezos aumentaron en todas as comunidades e cidades autónomas, de maneira especialmente intensa en Ceuta (4,3 %), Melilla (4,1 %) e Canarias (3,6 %), mentres que o ascenso máis moderado rexistrouse en Aragón e Castela-A Mancha (1,8 %).
En termos mensuais, os prezos subiron en xullo un 0,2 % con respecto a xuño, cando aumentaran un 0,6 %, debido sobre todo ao encarecemento do lecer e a cultura e da alimentación e as bebidas non alcohólicas.
O índice de prezos de consumo harmonizado (IPCA) situouse no 2,1 %, cinco décimas por encima do de xuño.

A inflación repunta en xullo ao 2,1 % en Galicia
A inflación acelerouse en Galicia en xullo ao 2,1 %, 6 décimas máis ca en xuño, impulsada polo encarecemento dos carburantes nun mes no que o prezo dos alimentos e bebidas subiu un 10,8 % no conxunto do Estado.
No resto do Estado, a inflación aumentou 4 décimas, ao alcanzar o 2,3 %, fronte ao 1,9 % rexistrado o pasado mes de xuño.
No caso de Galicia, o aumento é dunha 2,1 %, fronte ao 1,5 % do mes de xuño, o que implica unha diferenza de 6 décimas.

Díaz avoga por actuar sobre as marxes empresariais
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social en funcións, Yolanda Díaz, avogou por actuar sobre as marxes empresariais e protexer á cidadanía, fronte a escalada da inflación e o encarecemento dos alimentos, que elevaron os seus prezos "un 31% desde antes da pandemia".

O PP culpa do repunte da inflación á "errónea" política económica do Goberno
O vicesecretario de Economía do PP, Juan Bravo, culpou á "errónea" política económica do Goberno do repunte da inflación en xullo.
Amosou a súa preocupación polo aumento dos prezos, en especial os dos alimentos e as bebidas, que "son hoxe case un 11 % máis caros que hai un ano" con subidas "desbocadas" en produtos como as froitas ou os aceites.
O responsable do PP lembrou que o seu partido reclamou en varias ocasións baixar o IVE da carne, o peixe e as conservas e deflactar a tarifa do IRPF "para axudar ás familias para chegar a fin de mes"