Publicador de contidos

Publicador de contidos

A inflación modérase ao 1,9% en xuño cunha suba dos alimentos do 10,3%

A inflación modérase ao 1,9% en xuño cunha suba dos alimentos do 10,3%

Os carburantes, a electricidade e os alimentos subiron un 10,3 %, 1,7 puntos menos que en maio

En canto á taxa anual da inflación subxacente, o INE tamén confirma que diminuíu dúas décimas, ata o 5,9 %

G24.gal 12/07/2023 07:56

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou o dato confirmado do Índice de Prezos de Consumo (IPC) de xuño, tras adiantar que a inflación se moderou o mes pasado ao 1,9 % interanual, ao aumentaren menos os prezos dos carburantes, a electricidade e os alimentos.

A inflación moderouse en xuño ao 1,9 % en taxa interanual, 1,3 puntos menos que o mes anterior e a máis baixa desde marzo de 2021, debido ao comportamento de carburantes, electricidade e alimentos, que subiron un 10,3 %, 1,7 puntos menos que en maio. 

Na moderación na suba dos prezos está o descenso en carburantes e electricidade, mentres que dentro dos alimentos baixaron legumes e hortalizas e subiron menos froitas, pan e cereais, e carne.

En canto á taxa anual da inflación subxacente, sen alimentos frescos nin enerxía, o INE tamén confirma que diminuíu dúas décimas, ata o 5,9 %.

A vicepresidenta económica, Nadia Calviño, di que o dato do IPC é unha boa noticia e adianta que os prezos seguirán baixando nos próximos meses.

En Galicia, os prezos subiron un 1,5 %, catro décimas menos que no conxunto de España

Os prezos subiron en Galicia un 1,5 % o pasado mes de xuño, catro décimas menos que no conxunto de España (1,9 %) e 1,4 puntos menos que o mes de maio, cando subiron un 2,9 %. A moderación na suba de prezos é impulsada pola caída da electricidade e os combustibles e en parte pola moderación dos alimentos, que creceron un 10 %. 

Os prezos do grupo da vivenda, onde está a electricidade, caeron en Galicia un 15 %, un descenso de 2,8 puntos sobre o mes anterior, mentres que os do transporte, en que se encadran os combustibles, descenderon un 6,9 %, unha caída catro puntos superior á do mes anterior. 

Os alimentos, a pesar de crecer un 10 % no mes de xuño e seguir á alza, moderáronse 1,5 puntos respecto ao mes anterior, cando subiron un 11,5 %, e están por baixo do aumento no conxunto de España, onde creceron en xuño un 10,3 %. 

Outros grupos que tiraron á alza dos prezos en xuño na comunidade autónoma galega foron as bebidas alcohólicas e o tabaco, un 7,3 %; o enxoval, un 5,3 %; o lecer e a cultura, un 4,5 %; os hoteis, cafés e restaurantes, un 4,6 %; as medicinas, un 1,2 %, e o vestido e o calzado, que subiron en xuño catro décimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade