Publicador de contidos
Publicador de contidos

O IPC modérase ao 2,8 % en febreiro polo abaratamento da luz e os alimentos

O IPC modérase ao 2,8 % en febreiro polo abaratamento da luz e os alimentos

A inflación subxacente (sen enerxía nin alimentos non elaborados) situouse no 3,5 % interanual, a taxa máis baixa en preto de dous anos

O prezo dos alimentos e bebidas non alcohólicas avanzou en febreiro un 5,3 % interanual,  a suba menos acusada desde xaneiro de 2022

O IPC moderouse en febreiro en Galicia ao 3,2 % interanual, seis décimas menos que o mes anterior, mentres que a inflación dos alimentos recortouse  ata o 5,9 %

G24.gal 14/03/2024 08:53 Última actualización 14/03/2024 10:30

O Índice de Prezos de Consumo subiu un 0,4 % en febreiro respecto ao mes anterior e recortou seis décimas a súa taxa interanual, ata o 2,8 %, debido ao abaratamento da electricidade e dos alimentos, que creceron ao seu menor ritmo en dous anos, segundo os datos definitivos publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística, que confirman, en parte, os avanzados a finais do mes pasado.

O prezo dos alimentos e bebidas non alcohólicas avanzou en febreiro un 5,3 % interanual, unha taxa 2,1 puntos inferior á do mes anterior e a menos acusada desde xaneiro de 2022, mentres que o grupo de vivenda reduciu 4,2 puntos a súa taxa anual, ata o -2,7 %, polo descenso dos prezos da electricidade, en contraste coa subida que experimentaron en febreiro de 2023.

Por contra, o transporte elevou a súa taxa interanual 2,5 puntos, ata o 2,4 %, como consecuencia do encarecemento dos carburantes para vehículos persoais e, en menor medida, do transporte combinado de pasaxeiros.

Co retroceso do IPC interanual no segundo mes do ano, a inflación volve rexistrar descensos despois do aumento de xaneiro e sitúase no seu nivel máis baixo desde o pasado mes de agosto, cando alcanzou o 2,6 %. Ademais, a inflación baixou en febreiro da barreira do 3 % tras cinco meses consecutivos por encima desta cota.

O Ministerio de Economía destacou nunha valoración remitida aos medios que a redución da inflación en febreiro "pon de manifesto a capacidade da economía española de facer compatible o maior crecemento económico entre os principais países da zona euro cunha moderación dos prezos e co mantemento das medidas do escudo social apoiando os máis vulnerables".

O aceite de oliva, o que máis subiu

Dos compoñentes da cesta da compra, o aceite de oliva segue sendo o que máis sobe, de forma que está un 67 % máis caro ca hai un ano e un 5,3 % máis caro ca hai un mes. Desde xaneiro de 2021 triplicou o seu prezo, cunha subida do 191,1 %.

Tras o aceite de oliva as maiores subidas interanuais rexistráronas o transporte de pasaxeiros por mar (23,1 %), os zumes de froita e de vexetais (18,8 %), os paquetes turísticos nacionais (18,7 %) e o transporte de pasaxeiros por metro (17,4 %).

No extremo contrario, as maiores baixadas rexistráronas outros aceites comestibles (–24,6 %), o gas natural (–21 %), os equipos de telefonía móbil (–10,9 %), o butano, propano e outros hidrocarburos licuados (–10,1 %) e os computadores persoais (–9,9 %).

O IPC queda no 3,2 % en Galicia

O índice de prezos de consumo moderouse en febreiro en Galicia ao 3,2 % interanual, seis décimas menos ca o mes anterior, polo abaratamento da electricidade, mentres que a inflación dos alimentos recortouse 2 puntos, ata o 5,9 %.

Segundo os datos divulgados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística, os prezos no conxunto de España tamén se moderaron seis décimas, ata o 2,8 %, o que mantén o diferencial de catro décimas con Galicia.

Os alimentos caeron no conxunto de España 2,1 puntos respecto ao mes anterior en taxa interanual, unha décima máis ca na comunidade galega, o que amplía a brecha ata as seis décimas, co prezo dos alimentos un 5,3 % máis caros que hai un ano.

Neste 2024, a inflación subiu en Galicia en febreiro respecto ao mes de xaneiro dúas décimas, mentres que no conxunto de España subiu o dobre, catro décimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar