Publicador de contidos

Publicador de contidos

A inflación en febreiro, por María Loureiro

A inflación en febreiro, por María Loureiro

O aumento dos prezos en febreiro de 2023 foi o máis alto rexistrado durante este mes en 45 anos

Comenzamos o 2023 perdendo poder adquisitivo na cesta da compra e con suba de hipoteca

España leva 23 meses por encima do 2 % recomendado polo BCE, e aínda así a súa taxa é a máis baixa entre os seus socios

G24.gal 01/03/2023 07:33

O INE acaba de publicar que o aumento dos prezos en febreiro 2023 foi o máis alto rexistrado durante este mes en 45 anos. Polo xeral, antigamente, os prezos non aumentaban de xeito significativo en febreiro, precisamente por ser época de rebaixas para roupa, calzado e pequenos electrodomésticos. 

O anuncio de onte indicaba que a inflación segue desbocada, e malia a redución do IVE en moitos produtos alimenticios, o índice de prezos ao consumo segue subindo en febreiro nun 0,2 con respecto a xaneiro, chegando a unha inflación interanual de 6,1 %, fronte ao 5,9 % de xaneiro.

Esta evolución é debida a que os prezos da electricidade soben este mes por mor da baixada de produción de renovables e ao aumento do consumo de calefacción debido aos días fríos deste mes, e tamén á rúbrica dos alimentos e bebidas non alcohólicas, que seguen aumentando o seu prezo. En sentido contrario, destaca a baixada dos prezos dos carburantes e lubricantes e do transporte combinado de pasaxeiros, fronte á estabilidade do ano anterior. 

O caso dos alimentos é un tanto paradoxal, pois malia a reducción do IVE en moitas categorías, pero non na carne nin no peixe fresco, e outras medidas urxentes, resulta difícil reducir o seu prezo final por varios motivos. Primeiro, o prezo dos alimentos en orixe segue subindo, polo que aínda que se aprobaron axudas aos agricultores para facer fronte á alza dos fertilizantes e sementes, os custos da produción son moi altos.

Tamén, como comentamos, desde comezos dese mes está vixente unha rebaixa do IVE dalgúns alimentos básicos, pero non de todos, polo que os consumidores demandan relativamente máis os produtos nos que se rebaixou o IVE, substituíndo por exemplo produto fresco por conxelado, o cal contribúe de forma natural a unha subida de prezo destes últimos. En resumo, só se conseguiu moderar lixeiramente a velocidade á que se encarecen, e estas medidas aínda están lonxe de resolver o problema. A moderación do prezo final dos alimentos chama por solucións máis globais dentro da cadea alimentaria.    

A inflación está hoxe por baixo do limiar co que comezou a guerra (7,6 % a peche de febreiro de 2022), pero ocupa aínda o lugar máis alto na lista de preocupacións económicas de investidores, gobernos e bancos centrais. No caso de España, leva 23 meses por encima do 2 % recomendado polo BCE, e aínda así a súa taxa é a máis baixa entre os seus socios, empatada coa de Luxemburgo —na zona euro marcou o 8,6 % en xaneiro—.

Inflación subxacente

A taxa de variación anual estimada da inflación subxacente (índice xeral sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) aumenta dúas décimas, ata o 7,7 %, o máximo histórico. Por que segue subindo tanto este indicador?

Aínda que non se publicaron as rúbricas de produtos que máis aumentaron os seus prezos na inflación subxacente, en España, a contribución do lecer, a restauración e o turismo ao aumento dos prezos de consumo no último ano foi significativamente maior que a observada na área do euro, tanto polos superiores incrementos de prezos nestas partidas como polo seu maior peso na cesta de consumo. En concreto, en España, os prezos relacionados co lecer, restauración e turismo mostran un incremento relativo máis intenso no último ano. 

A permanencia no tempo destes incrementos máis estables da inflación é incerta e considera que poidamos estar diante dun problema máis a medio prazo. Ante estas circunstancias, o Banco Central Europeo xa reaccionou subindo o tipo de interese na eurozona de novo este mes, de tal xeito que será máis caro pedir diñeiro prestado, o que se espera que conteña prezos de determinados bens e servizos, á vez que encarecerá de novo as hipotecas e outros créditos.

A subida de febreiro non foi un gran salto: avanzou 0,197 puntos respecto a xaneiro, pero mostra que aínda queda senda de ascenso. Entre outras cousas, porque o BCE xa anunciou que na súa reunión de marzo subiría polo menos medio punto máis (ao 3,5 %) os tipos de interese. A media do Euribor no mes que acaba agora xa se sitúa, en consecuencia, por encima dese nivel, pero mostra que progresará máis. Na última xornada de febreiro (o indicador rexistra un valor diario) marcou unha cota por encima do 3,7 %, algo que non sucedía desde decembro de 2008. A patronal bancaria calcula que o indicador chegará á contorna do 4 %. 

En resumo, comenzamos o 2023 perdendo poder adquisitivo na cesta da compra e con suba de hipoteca. E non vai quedar outra que apertar o cinto….

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade