A incidencia sobe catro puntos en España e aumentan os falecementos
A taxa de positividade continúa nos parámetros que fixa a OMS para dar a propagación do virus como controlada
As comunidades autónomas notificaron este mércores 6.461 novos casos de covid-19, 2.095 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son inferiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 2.287 positivos.
A cifra total de contaxios en España elévase xa a 5.038.517 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 62,67, fronte a 58,57 o luns. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 29.737 positivos.
No informe deste mércores engadíronse 59 falecementos, en comparación con 39 o mércores pasado. Ata 87.617 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo con os datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 74 persoas con diagnóstico de covid-19 positivo confirmado en España.
Actualmente, hai 1.903 pacientes ingresados por covid-19 en toda España (1.858 o luns) e 403 en UCI (400 o luns). Nas últimas 24 horas, producíronse 241 ingresos (191 o luns) e 203 altas (89 o luns). A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 1,54 por cento (1,52% o luns) e na UCI no 4,42 por cento (4,41 % o luns).
Mentres tanto, a taxa de positividade sitúase no 3,38 por cento, fronte ao 3,22 por cento do luns. A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que este dato se atope por baixo do 5 por cento para considerar como 'controlada' a propagación do virus.
Darias di que os hospitalizados están sen vacinar
Os hospitais españois comezan a notar unha tendencia que xa se observa noutros países: a maioría dos enfermos de covid que atenden non están vacinados. A incidencia mantén a tendencia á alza. Acaba de situarse en 62 casos por cada cen mil habitantes. Pero hai comunidades que duplican esa taxa.
A incidencia da covid en España subiu 4 puntos desde o luns, 11 nunha semana, ata os 62 casos por cada cen mil habitantes. Pero a situación é desigual por comunidades. En Galicia está na metade. O País Vasco e Navarra duplican esa taxa. De momento, son datos manexables. A elevada vacinación mantén fóra dos niveis de risco a ocupación das UCI. Pero os expertos cren que a tendencia á alza obriga a estar vixiantes.
E a ministra de Sanidade tras presidir a reunión da Interterritorial de Saúde, advertiu que están sendo os enfermos de covid sen vacinar os que acaban hospitalizados. Darias confía en que axiña se aprobe a vacina para os menores de 12 anos. E os inmunólogos apostan por novas medidas preventivas enfocadas aos adultos sen vacinar, a maioría de entre 20 e 40 anos.
Minuto a minuto
Carolina Darias asegura que os datos de vacinación reflicten un 88,8 % da poboación diana coa pauta completa.
A ministra de Sanidade afirma que o director da OMS Europa felicitou a España pola súa xestión da pandemia e a "exitosa campaña de vacinación"
Darias asegura que se aprobou hoxe o repartimento de 220 millóns para a dixitalización da sanidade
A ministra informa de que hai un alto porcentaxe de persoas sen vacinar hospitalizadas
A ministra fai un chamamento para que as persoas sen vacinar e as citadas para a dose de reforzo acudan aos centros de saúde para inmunizarse
Darias asegura que a alta cobertura vacinal ofrece unha protección que é clave de cara a adoptar novas restricións