A gripe aviaria empeza a preocupar en Europa
O asunto tratarase o próximo luns na xuntanza do Consello Europeo de Agricultura
O ministro de Agricultura, Luis Planas, estará o luns en Bruxelas para participar nun novo Consello Europeo. Aínda que non está na axenda oficial, segundo puidemos saber na Televisión de Galicia, si se falará do crecente problema que supoñen os gromos de gripe aviaria en toda Europa.
Os focos da enfermidade están en Francia ou en Portugal pero xa se estenden por máis países. De feito, Galicia estase blindando ao confinar as aves de curral en 34 concellos.
No Consello de Agricultura deste luns a preocupación polos casos de gripe aviaria xa estará presente. Segundo nos confirman fontes diplomáticas á Televisión de Galicia, varios gobernos sacarán o tema, aínda que non estea na axenda oficial da reunión.
Pedirán á Comisión Europea un seguimento estreito dos focos espallados polo continente. Por se fose necesario introducir máis medidas de protección ou estudar axudas concretas ás explotacións avícolas.
As mesmas fontes europeas recoñecen á TVG que malia estas demandas, a gripe aviaria aínda non é un tema de alerta máxima.