A Fundación Galega contra o Narcotráfico pide xulgados especializados na loita contra a droga
O xerente da Fundación, Fernando Alonso, pide máis recursos xudiciais e policiais para combater os crimes
O xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Fernando Alonso, celebraba na Radio Galega o traballo policial que permitiu desmantelar un laboratorio de cocaína no concello de Cerdedo-Cotobade.
Con todo, Alonso apunta que son necesarios máis recursos humanos e materiais para facer fronte ás bandas organizadas do narcotráfico: "Necesitamos xulgados que poidan estar á altura do desafío, os xulgados galegos están desbordados. E necesitamos xulgados especializados, que traballen o problema do narcotráfico....".
Alonso tamén é partidario de incrementar as fianzas que se establecen para os detidos por narcotráfico e de subir as penas de cárcere por estes delictos. O xerente da Fundación tamén avoga porque se someta a vixilancia policial os imputados que están á espera de xuizo e os que cumpren condena en réxime de semiliberdade: "Cantos narcotraficantes estamos atopando en operacións que están en terceiro grao...? Ou cantos estamos atopando en espera de xuizo?".